Aos emigrantes retornados acábaselles a paciencia

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Tras case sete anos na rúa, os pensionista de Barbanza mostran a súa indignación pola falta de solucións

29 ene 2020 . Actualizado ás 14:00 h.

Durante case sete anos, os emigrantes retornados da comarca saíron á rúa contra vento e marea. Estoicamente aguantaron o frío, a calor e a choiva —como os máis de 90 litros por metro cadrado que se rexistraron esta a mañá—, pero despois de tanto tempo manifestándose un mes si e ao seguinte tamén se lles está esgotando a paciencia. A primeira concentración deste 2020 ás portas da casa consistorial de Ribeira, deixou ben claro que a indignación e o enfado dos afectados increméntase de xeito proporcional ao tempo transcorrido sen que lles dean unha solución.

Baixo un chuvieiro e puntuais como cravos, os integrantes da plataforma concentráronse ás once da mañá diante da delegación de Facenda en Ribeira, desde onde iniciaron o consabido percorrido ata a praza do Concello. Foi alí, ás portas da casa consistorial, onde os emigrantes retornados deron renda solta á indignación que levan acumulando detrás das pancartas desde fai máis dun lustro: «Estiven 25 anos separado da muller e dos fillos, e coma min todos estes que estamos aquí, embarcados, en Suíza, en Alemaña ou en Inglaterra. Non levamos bandeira española, pero somos nós os que levantamos o país».

Reunión o sábado

Nin a súa constancia á hora de protestar —«fomos a todos lados, a Santiago, a Ourense, ata a Madrid»— nin os cambios no Goberno do Estado serviron de momento para dar resposta ás demandas dos retornados.

A principal reivindicación é que deixen de obrigarlles a tributar por ter dobre pagador polas pensións que reciben dos países aos que emigraron, e así llo trasladarán ao deputado nacionalista Néstor Rego nunha reunión que se celebrará a fin de semana en Vilagarcía: «O punto número dez do acordo de Goberno do BNG en Madrid foi dar solución ao problema dos retornados e o sábado falaremos diso, para ir perfilando un pouco cales son as negociacións que se deben levar co Executivo para resolver o problema», explicou Xosé Deira, portavoz da plataforma de afectados de Arousa norte.

Ao comezo das reivindicacións, fai seis anos, eran 311 as persoas inscritas no colectivo, e delas faltan tres que faleceron sen ver atendidas as súas reivindicacións: «Agora veñen as súas viúvas reclamando que non hai dereito a que pase isto. A xente está moi indignada e moi cabreada. É cuestión de sentar a falar e que se pense un pouco na xente emigrante, que son persoas de 70 e 80 anos que están aquí con vento e con chuvia pedindo algo que nós cremos que é de sentido común».

Na fenda

«Que paren de roubar e que non conten mentiras! É que son moitos anos xa, e é moito o cabreo que temos», protestaban resgardados do chuvieiro baixo o soportal da casa consistorial ribeirense, onde volverán con toda seguridade a finais do mes que vén: «Nós continuamos na rúa ata que se solucione».

E é que case sete anos de protestas non poden caer en saco roto: «Desde o 2013, 50.000 euros me levan chupado, que se di moi rápido, que en Suíza non os gañaba así por así».