A illa das tentacións

Estevo Silva Piñeiro SOSPEITOSO HABITUAL

BARBANZA

27 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Estaba seguro de ter excedido a miña capacidade de asombro no que concierne á cantidade de materia fecal que é capaz de excretar a televisión, pero hei de recoñecer que un anuncio visto esta semana captou a miña atención.

En realidade, non era máis que un rapaz dando alaridos nunha praia. Non tardei en descubrir que era o «cebo» dun novo e gran coprolito expulsado por algunha mente privilexiada de Mediaset.

Na miña intranscendente opinión, este xigantesco truño non é máis que un novo engano cara ao televidente, algo moi parecido á loita libre: moito ruído, moita charramangada e case todo interpretación. Ou seica creen vostedes que unha parella se inscribe nun programa para ver o sólida que é a súa relación, someténdose ao constante «coqueteo» de belos e belas? Esquézanse. No mellor dos casos son actrices e actores ou xente conchabada para vivir unha tempada sen dar golpe. No peor dos casos, son incapaces intelectuais... E está moi feo divertirse á conta destas persoas.

Por suposto a culpa non é deles, criaturas. Nin tan sequera do extravagante circo repleto de implantes, bótox e exabruptos que se interpreta despois en supostos «debates». A culpa é íntegra do televidente. Non me veñan con que é entretemento. Estes produtos van cargados de ideoloxía ata as trancas. Este tipo de programas e as súas posteriores secuelas mostran como despellejarse uns a outros para medrar ou sobrevivir e son un símil perfecto do que este sistema pretende para nosa sociedade.

Agora ben, como sempre, vostede decide... E suspire.