O Viveiro ameaza o feudo do Boiro

S. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Os de Barraña reciben ao líder coa necesidade de pasar páxina despois da derrota contra o Puebla e co Noia axexando na clasificación

26 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Barraña acollerá hoxe, ás 16.30 horas, o que seguramente sexa o partido da xornada. Boiro e Viveiro disputarán sobre o céspede barbancés un duelo que se antolla clave para os de Luis Santiago, que ven como o Noia se lles achega ameazante na táboa. Despois da amarga derrota do derbi, os boiristas queren dar un golpe amais da mesa.

Non o terán doado ante un rival que xa ten pé e medio en Terceira División e que conta con Gerardo como principal referencia arriba. O Boiro deberá sobreporse ademais ás baixas de Cardeñosa, por lesión, e Paco e Kuman, por acumulación de cartóns. Juanma, que superou un proceso febril, tamén é dúbida, así como Óscar e Elier.

«É o mellor equipo do campionato, ademais do menos goleado. Ten catro ou cinco futbolistas que van pasar dos 10 ou 12 goles», destacou Santiago, que sabe que o seu maior hándicap está no acerto arriba: «Intentaremos non vernos penalizados por ese talón de Aquiles. Queremos ser protagonistas, que corran detrás de balón, pero debemos ser sólidos, porque arriba teñen a Vicente, Arturo e Gerardo e pódennos crear moito perigo».

NOIA

Contra o Foz. O Noia volverá á Mariña lucense para medirse (16.30 horas) co Foz, único equipo que logrou vencer en San Lázaro. «Toca unha viaxe longa para medirnos a un conxunto que nos fixo moito dano na primeira volta», recoñeceron fontes da directiva. O maior temor agora é perder a Jon o que resta de tempada por unha lesión no menisco e no ligamento cruzado anterior. «Esta semana ten a última revisión e veremos cal é o diagnóstico final», apuntaron desde o club.

Juanjo, con problemas nun xeonllo, tampouco estará no feudo lucense. O Noia viaxa a velocidade de cruceiro e xa se asoma ao terceiro posto da clasificación, despois de encadear un refacho de oito encontros sen coñecer a derrota.

Puebla

Ante o Club Lemos. Con vento de cola despois dunha épica vitoria por 0-2 en Barraña, o Puebla regresa á realidade do día a día. Os da Alta recibirán, ás 16.45, a un conxunto da súa propia liga como é o Club Lemos. «É un bo equipo, bastante equilibrado e con dous extremos moi rápidos no un contra un. Aínda que reciba moitos goles, ten mellores rexistros ofensivos que nós», apuntou Casalderrey.

O técnico branquiazul non poderá contar con Soto, que sufriu unha escordadura. Pap, cun corte nun pé, e Madiop, por motivos laborais, tampouco entrarán na convocatoria. «Debemos facer un partido serio para sumar os tres puntos», pechou Casalderrey.