Arousa Norte e a Asociación Camiño de Santiago do Barbanza traballan conxuntamente para promocionar a ruta

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA

BARBANZA

CEDIDA

Unha exposición e unha peregrinación por etapas son as próximas actividades previstas

16 ene 2020 . Actualizado ás 13:32 h.

Tras a presentación celebrada en Compostela hai unhas semanas, a mancomunidade Arousa Norte e a Asociación Camiño de Santiago do Barbanza A Orixe seguen traballando de xeito conxunto e coordinado para promocionar a ruta que percorre os catro municipios da península barbancesa. Onte mesmo celebrouse unha reunión con persoal técnico e responsables políticos da entidade supramunicipal para planificar as próximas actuacións.

A mancomunidade aposta pola implicación dos colectivos asociativos da comarca como principais actores que interveñen no territorio, de aí a súa colaboración con entidades como a que promove o Camiño de Santiago. No encontro con representantes da asociación celebrado na casa consistorial boirense participaron os rexedores de Ribeira, A Pobra e Boiro, Manuel Ruiz, Xosé Lois Piñeiro e José Ramón Romero , así como a tenente de alcalde de Rianxo, Mari Carmen Figueira. Nos próximos meses, a Asociación Camiño de Santiago do Barbanza dará a coñecer as distintas etapas que compoñen o trazado a través dunha exposición que xa puido verse en Ribeira e na Pobra e que viaxará aos municipios de Boiro e Rianxo, ademais de Dodro e Padrón -polos que tamén discorre a ruta- ao longo deste ano.

Outra das actuacións previstas é a realización dunha peregrinación para completar as cinco etapas da variante barbancesa do Camiño, así como a sinalización completa do percorrido, que ten en Corrubedo o punto de partida.

Todas as actividades programadas pola asociación A Orixe contarán coa promoción e difusión que realizará Arousa Norte, co obxectivo de consolidar e promover o trazado barbancés como ruta de peregrinación a Santiago.