Manuel Gago «Hai unha auténtica mina de ouro que non estamos sabendo explotar»

La Voz

BARBANZA

carmela queijeiro

O investigador cultural analiza as causas e consecuencias da baixa presenza do sector hostaleiro da zona na guía Michelin

07 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai tempo que o xornalista e investigador cultural Manuel Gago vén pondo o foco na situación do sector gastronómico na área de Barbanza, Muros, Noia e o seu primeiro diagnóstico está claro: «Aquí hai calidade e hai estupendos profesionais, pero Michelin demanda unha actuación integral».

Gago contrapón dous escenarios que conforman unha auténtica antítese, xa que «no sur das Rías Baixas estamos falando dun número superior [de locais na guía e mesmo con estrela] e na nosa chama a atención a ausencia, un feito que repercute directamente na visión de destino gastronómico de calidade».

Entre as causas que explican estas carencias, o experto apunta a múltiples factores derivados desa falta de actuación integral antes mencionada. «Non creo que Michelin nos teña carraxe. Buscan determinados estándares que non se dan en conxunto nos nosos restaurantes: dende unhas cartas de viño específicas a elaboracións que van máis alá do propio produto. Os tempos de servizo tamén son irregulares na zona», analizou Gago.

Relevancia internacional

A importancia de contar cun establecemento na guía ou con estrela non é moco de pavo. Neste sentido, o divulgador cultural define a esta publicación como «unha interface para o público internacional», por lo que «sería conveniente avanzar cara este modelo, que en Europa crea imaxe de marca local e fai que a xente se desprace ao lugar».

Precisamente, Manuel Gago fai fincapé en selos como o Bib Gourmand co que conta o Restaurante Muíño: «Este formato é interesante para nós, porque se trata de restaurantes sustentábeis e orientados ao comercio local, pero de gran nivel».

A propia iniciativa do sector e aumentar os recursos de formación do diverso persoal configúranse como as posibles solucións e aproveitarse de potencialidades únicas como a proximidade de Barbanza á capital galega, xa que «hai unha auténtica mina de ouro que non estamos sabendo aproveitar».