A rede viaria rexistra un incidente diario provocado por animais

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

gus da paz

Xabarís, reses mostrencas, e mascotas soltas disparan as chamadas aos servizos de urxencias

07 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A presenza de animais soltos que transitan polas estradas da comarca pon en xaque aos automobilistas e dispara as chamadas aos servizos de urxencias, tanto policías locais ou Garda Civil como grupos de Protección Civil. Aos puntos conflitivos polo tránsito de reses mostrencas, especialmente en Moimenta, Moldes e na subida a Paxareiras, súmase o incremento das mandas de xabarís, que multiplicaron o número de contratempos, como tamén o fixo a cada vez maior presenza de cans ou gatos soltos. A estes únense outros animais, como os tejones que, explica o xefe de Protección Civil de Boiro, Nacho Pérez Hermo, son a causa dun elevado volume de actuacións, especialmente entre Nine e Neixón. A información solicitada nos diferentes grupos de intervención sitúa por amais das 300 as incidencias rexistradas no que vai de ano con animais implicados, o que significa unha media dunha diaria.

Ao falar con axentes e responsables de Protección Civil obsérvase que hai varios tramos viarios especialmente conflitivos, cada un cos seus casuísticas. Así, Eduardo Moledo comenta que na AC-543, ao seu paso por Albariza, e na AC-550, á altura de Boa, deben extremarse as precaucións polos xabarís. Aínda que recalca que ningún lugar está libre: «Co coche da agrupación tivemos un percance con porcos salvaxes cerca da base».

Con todo, Moledo indica que ultimamente o groso dos avisos prodúcense pola presenza de cans e gatos, especialmente no acceso ao corredor de Noia en Sampaio. O mesmo comenta o encargado do GES, Ramón Lago: «As chamadas polas mascotas son diarias».

Distintas situacións

As notificacións polo perigo que implica para a circulación a presenza de animais na rede viaria disparáronse, aínda que desde os servizos de urxencias indican que a maioría non se tipifican como accidentes porque non hai danos físicos ou materiais.

Pero os accidentes tamén proliferan. A noite do pasado mércores, catro vehículos chocaron na zona rianxeira da Vacariza ao cruzar a estrada un xabaril que non puido ser esquivado polo primeiro coche e acabou morto na calzada. En Louro tamén tivo lugar un sinistro esta semana, no que un turismo sufriu importantes danos ao aparecer unha manda de sete porcos salvaxes cando circulaba pola AC-550.

Profesionais que traballan no servizo de guindastres coñecen ben a magnitude dos contratempos que teñen lugar na rede viaria. Un deles explica que «hai períodos con moita sinistralidade. Hai pouco, na mesma semana retiramos cinco turismos accidentados, dous na autovía».

E, en ocasións, capturar aos animais tampouco resulta tarefa sinxela. O responsable do GES indica que levan varios días detrás dunhas eguas «que non as damos sacado de Louro». Subliña que non ocasionaron accidentes graves, pero si varios toques con vehículos.

Ao grupo de cuadrúpedos que con maior facilidade poden atoparse os automobilistas na calzada únense outros cuxa presencia é anecdótica e, ao mesmo tempo, rechamante. O pasado abril, a Policía Local de Rianxo retirou da vía un corzo. Tamén un mamífero desta especie motivou unha da decena de intervencións con animais de Protección Civil de Mazaricos.

Francisco Parente: «Levo dez anos na agrupación e as saídas foron a máis»

A retirada de animais atropelados na calzada e o auxilio en accidentes nos que estes ven implicados constitúen boa parte do traballo cotián de Protección Civil de Ribeira. Francisco Parente é un dos seus integrantes: «Levo dez anos na agrupación e as saídas foron a máis. Non caso dous xabarís vai por refachos. Inflúen as condicións meteorolóxicas e a época do ano».

Parente reside en Corrubedo e sabe que a DP-7304, que pasa por Olveira, e a AC-303, que chega ata a súa localidade, teñen unha elevada sinistralidade causada por xabarís: «Temos visto coches que quedaron sinistro ao impactar cun porco salvaxe. A metade dás veces que hai un contratempo, ou animal non está. Aguantan moito, témolos atopado a máis de 15 metros do lugar».

Así mesmo, precisa que a agrupación tamén recibe moitas chamadas non só para sacar mascotas que aparecen atropeladas na vía, senón tamén para afastar da estrada de Moldes a vacas e cabalos.

Seguridade (Sálvora-Opinión)

Hai varias estradas da comarca que motivan a chamada constante dos condutores ao 112 ante a presenza de animais. Na autovía barbancesa cada vez son máis frecuentes os avisos. No caso das mascotas ou as reses mostrencas, está claro que son os donos quen deben coidar dos animais. Non é de recibo ter a Protección Civil ou a policías facéndoo.