Tolerancias

Estevo Silva Piñeiro SOSPEITOSO HABITUAL

BARBANZA

18 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Esta semana debateuse en redes sociais, bares e fogares sobre o fenómeno Vox. Coñezo a varias persoas que invitaron a irse dos seus círculos virtuais a quen votaron ao partido ultra e a outras que se indignaron ante o que creen un xesto de intolerancia facía a liberdade de pensamento dos demais.

Chegados a este punto, permítanme que lles fale do coñecido Paradoxo da Tolerancia, do filósofo Karl Popper. Este pensador, unha das mentes mais preclaras do século XX e nada sospeitoso de ser bolxevique -era un declarado demócrata liberal-, esgrimiu esta teoría no seu libro A sociedade aberta e os seus inimigos.

Debe tolerar unha sociedade tolerante aos intolerantes? Popper asegura que non. E aquí precisamente está o paradoxo, pois a nosa tolerancia ilimitada podería implicar a desaparición da devandita tolerancia ao aproveitarse os intolerantes da nosa relaxación.

Popper sostén que todo movemento que exalte a persecución e a intolerancia debe estar fóra da lei aínda que isto sexa un paradoxo en si mesmo. Defender a tolerancia esixe non tolerar o intolerable. Supoño que por iso mesmo teñen que instarnos desde Europa (outro niño de vermellos…) a ilegalizar a fundación Francisco Franco.

Creemos estar a un nivel democrático moi superior ao que realmente estamos, e o mesmo sucede coa xustiza. Seguimos utilizando as nosas ferramentas xurídicas para reprimir en lugar de para construír.

A culpa non é nosa. Non nos instruíron para pensar se non para producir e consumir. A isto chegamos no noso paraíso da liberdade.