O teatro volve ser solidario en Aguiño

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA

BARBANZA

cedida

Catro espectáculos integran a mostra organizada polo colectivo Lorenzo Mariño a beneficio da asociación TDAH

03 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O sábado arrincará en Aguiño unha nova edición, a undécima, da mostra de teatro afeccionado promovida polo colectivo Francisco Lorenzo Mariño. Catro espectáculos integrarán este ciclo que, unha vez máis, terá carácter solidario. A pesar de que o acceso ás funcións terá carácter gratuíto, farase un chamamento para que o público faga donativos, que irán parar á hucha da asociación TDAH Salnés-Barbanza, que ten a súa sede na casa de cultura da localidade.

O grupo O Aturuxo de Melpómene chegará a Aguiño desde Narón o vindeiro sábado para dar o pistoletazo de saída a esta mostra. O elenco, dirixido por Cristina Mariño, subirá ás táboas do conservatorio ás 20.30 horas co propósito de entreter ao público con Algo pasa con Paco. É unha comedia absurda, recomendada para maiores de 12 anos, protagonizada por un cabaleiro errante que vai en busca de dragóns e tesouros.

Máis comedias

Da segunda función, a do 16, encargarase Chamarela, que chegará desde Melide para entreter ao público con Pode ser calquera. Trátase dunha divertida trama recomendada para maiores de 12 anos que narra a historia de dous mozos que aproveitan as vacacións para montar unha gran festa.

O 23 tomará a vez, sobre o escenario de Aguiño, A Pombiña Teatro, tamén procedente de Narón. E tamén este segundo espectáculo será unha comedia, Defectos de fábrica. Baixo a dirección de Betty Couce, unha decena de actores representarán unha divertida historia ao redor das virtudes e os defectos das persoas.

Chumpá Teatro, unha agrupación de Cuntis, chegará á localidade ribeirense o 30 con outra comedia, Intocables. Baixo a dirección de Fran Rei e Fran Campos, un grupo de policías tratarán de dar captura á o Capone, un gánster vindo a menos.