O Barbanza brillou no Europeo cunha colleita de 9 metais

Ribeira / a voz RIBEIRA / A VOZRIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

Iván Parada, Álex Pérez, Juan Parada e o adestrador Miguel Pérez regresaron de Vila Franca de Xira cunha ristra de preseas

28 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Os membros do Kempo Barbanza volveron demostrar que na súa arte marcial hai poucos clubs que brillen como eles. Nova colleita de medallas dos seus mellores loitadores, que regresaron do Campionato de Europa disputado en Vila Franca de Xira con nove metais: catro ouros, unha prata e catro bronces.

«Os rapaces estiveron incribles. Estou moi contento porque había moito nivel, estamos a falar de que competiron contra algún dos mellores do mundo. Cumpriron con fartura, do primeiro ao último día». O que fala é Miguel Pérez, técnico de Iván Parada, Álex Pérez e Juan Parada: «Foron xornadas cargadas de traballo, pero a recompensa vale a pena».

Futuro brillante

Iván Parada alzouse campión de Europa en semi kempo e mordeu o bronce en full contact. Juan Parada levou dous ouros, un en catas con armas e outro en semi contact. O bronce que se colgou foi na modalidade de full contact. Álex Pérez, o máis novo dos tres, demostrou que ten un futuro brillante por diante se segue traballando como ata agora.

«Foi primeiro en catas con armas, segundo en full de ata 55 quilos e logrou dous bronces en semi contact de 55 e 65 quilos», afirmou Miguel Pérez.

Para destacar a importancia destas preseas, Pérez esgrimiu o número de participantes que se deron cita na localidade lusa: «Reuníronse 800 competidores, de 15 países diferentes». A selección española, da que formaron parte os tres barbanceses, conseguiu en total 14 ouros, sete pratas e 16 bronces.

O próximo reto do equipo será o ano que vén. «Toca agardar polo Mundial que se celebrará en Tunisia. Os rapaces queren ir, pero primeiro toca pasar as probas e lograr unha praza», pechou un Miguel Pérez que saborea o éxito logrado polos tres.