Hemeroteca: A central hidroeléctrica do Tambre, a piques de voar por aírelo

M. X. B. RIBEIRA

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Estaba decretada unha folga en toda España e querían deixar sen luz a provincia coruñesa

12 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A revolución de 1934, un movemento que afectou a case todo o territorio español entre o 5 e o 19 de outubro daquel ano, tamén tivo repercusión na comarca de Barbanza. O suceso máis importante do que daba conta La Voz de Galicia foi un localizado en territorio noiés. Alí, axentes da Garda Civil detiñan a catro individuos indocumentados, cuxo propósito era voar polo aire a central hidroeléctrica do Tambre.

A operación tiña lugar na estrada de acceso a devandita infraestrutura e os arrestados eran ao parecer electricistas procedentes de Santiago. Segundo relataba a noticia, elixiran dita central por ser a que proporcionaba enerxía eléctrica á maior parte da provincia da Coruña. A súa intención era deixar a todo este territorio sen subministración.

E é que o eixo daquel movemento revolucionario foi a convocatoria dunha folga a nivel estatal. En Ferrol chegaron a rexistrarse varias mortes e moitos arrestos.