O millo enfronta a Tráfico e gandeiros

Xoán Ramón Alvite Alvite
x. r. alvite MAZARICOS / LA VOZ

BARBANZA

alvite

Os agricultores creen que hai un exceso de celo nos controis da Garda Civil

12 oct 2019 . Actualizado ás 14:05 h.

En plena campaña de ensilado do millo, os gandeiros da comarca xa non só miran ao ceo, medorentos de que a choiva poida estragar a colleita. Tamén están moi pendentes das estradas agardando non atoparse cunha das patrullas de Tráfico que estes días vixían de preto que todos os vehículos, entre eles os centos de tractoristas que traballan pola zona, cumpran coas súas obrigacións circulatorias.

Un control que desatou un profundo malestar entre os profesionais do campo, que se queixan do «exceso de celo» co que, ao seu entender, está actuando o instituto armado á hora de multar os remolques agrícolas que participan na recollida do gran. «Nos últimos días multaron a case unha ducia de tractores por non levar toldo nos remolques e incluso por non levar prendido o farol pequeno do teito. Algo incomprensible tendo en conta que se trata de asuntos que non afectan para nada á seguridade vial», explica Xoán Ramos Rodríguez, portavoz de Ganxabar (Gandeiros de Xallas e Barcala) que estes días están a levar a cabo o ensilado das súas leiras na localidade mazarica de Grille.

Protección do transporte

Aínda que o boletín da Garda Civil recolle como o feito que motivou a denuncia: «Circular cun vehículo cuxa carga pode arrastrar, caer ou desprazarse sen dispor dos accesorios que garantan a adecuada protección ou acondicionamento. Transporta millo picado que cae sobre a vía por efecto do vento», os afectados sinalan que en ningún momento se produciu tal derramamento da carga e que, de ter sucedido nalgunha viaxe puntual, non supuxese ningún risco para o resto de automóbiles, nin para a circulación.

«Saben perfectamente que estamos ensilando e aproveitan tamén para facer a súa propia colleita», explica Ramos Rodríguez, que lamenta o escaso interese que ten o sector agrogandeiro para as diferentes administracións.

«Noutros países son os corpos e forzas de seguridade do estado os que escoltan aos profesionais do campo cando teñen que facer traballos especiais mentres que aquí o que fan e denunciarnos. Saben, ou deberían saber, que toda Galicia está estes días ensilando o millo, o traballo máis importante do ano para as granxas polo que deberían axudarnos no que poidan», apuntou Ramos Rodríguez.

Ao parecer, non é a primeira vez nos últimos anos que a Garda Civil de Tráfico pon o foco nos posibles incumprimentos dos tractoristas de impedir que parte da carga acabe esparexida sobre o vía.

Nesta ocasión, cada unha das infraccións atribuídas aos condutores mazaricos implica unha sanción económica de 200 euros que se reduce á metade se a abonan antes de que chegue final de mes.