Hemeroteca: O xadrecista Anatoli Karpov disputou 27 partidas simultáneas na Pobra

M. X. B. RIBEIRA

BARBANZA

arquivo

A visita foi organizada polo conserveiro Román Padín, amigo do deportista

09 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai 31 anos vivíase unha xornada inesquecible na vila pobrense. O por aquel entón seis veces campión do mundo de xadrez, Anatoli Karpov, desembarcaba na localidade co fin de disputar 27 partidas simultáneas contra outros tantos deportistas chegados desde diversos puntos da comunidade galega. Era a segunda vez que o xogador soviético visitaba Galicia, pois 15 anos antes estivera en Ourense para participar nunha actividade similar.

A parada na Pobra fora organizada polo conserveiro Román Padín Montenegro, que ao parecer mantiña unha estreita relación persoal con Karpov, que se achegaba á localidade barbancesa no marco dunha paréntese que tiña entre as competicións que tiña que disputar en Madrid e Zamora.

Os 27 taboleiros instaláronse no polideportivo pobrense. Entre os xogadores que foron seleccionados para participar naquelas partidas simultáneas estaba o entón campión galego de xadrez, o coruñés Francisco Vázquez, así como a campioa autonómica, María Fernández.