Merchi Rodríguez Pimentel: «Se Airiños deixase de representar en galego xa non sería Airiños»

XESÚS SANTOS

BARBANZA

ABRALDES

O seu nome e apelidos coinciden cos dunha noiva de Manuel Antonio

27 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Quedamos de vernos unha hora antes de comezar o ensaio no Centro Cultural Simón Varela de Asados. A casa común do teatro do pobo, que conta con 86 anos de vida. Non existe un caso igual en toda a Comunidade. Todo isto vén a conto porque neste ambiente naceu e forxouse a personalidade histriónica da nosa interlocutora, Mercedes Rodríguez Pimentel. De tal xeito que estas reflexións son compartidas a pé de escena, diante dunha tarima que en pouco tempo cobrará alento coa actividade dramática. Así que antes de que nos manden facer mutis, comezo facendo boca con aqueles versos de Manuel Antonio, que mesmamente din: «Noiva miña/ vestida de lúa/ que romantizas/ ¡tan cursi!/ polo xardín». E, acto seguido, espétolle de súpeto:

-Ti cres na reencarnación? Dígocho porque o poeta tivo unha noiva en Asados que se chamaba coma ti: Mercedes Rodríguez Pimentel.

-[Risos] Si creo na reencarnación, por iso sigo agardando polo meu poeta. Recordo que ás veces chegaban á miña casa cartas que eran para a señora Mercedes. Eu era a encargada de levárllas á súa destinataria real. Máis tarde souben que fora noiva de Manuel Antonio.

-A próxima actuación está á porta, con estrea de obra e directora.

-Estreamos os días 4 e 5 de outubro no auditorio de Rianxo. O texto é de Teresa Moure, muller, galega e contemporánea. Amantia Coello, a nosa actual directora, fixo unha adaptación desta obra na que o texto ten moito peso e a interpretación moi coidada.

-Cantos directores coñeciches?

-Ramón Pimentel, persoa entrañable, amante incondicional do seu Teatro Airiños no que traballou de maneira altruísta mentres tivo folgos, para que na aldea a cultura formase parte da vida cotiá. Xesús Santos, ademais do teatro, ti prendiches en min o gusto por declamar poesía. Un gusto que sigo compartindo con outros compañeiros do grupo. Por exemplo, con Mari Santos teño participado en moitos recitais. Esther Carrodeguas ensinounos a interpretación oral e corporal, agasallounos con outra visión da escenografía, o decorado, a iluminación, o son... Segue a ser parte de nós e desexámoslle moitos éxitos na súa vida profesional. Amantia Coello, muller moi traballadora, é a nosa actual directora, consegue manter o nivel de traballo e implicación que o noso público poderá ver na próxima estrea.

-Airiños conta coa necesaria renovación xeracional para encarar o centenario?

-Claro que si, contamos cunha escola de arredor de corenta nenas e nenos. Agora só temos que saber transmitirlles a mensaxe de amor que temos por Airiños para que a continuidade nos leve a celebrar os cen anos activos.

-O galego está en perigo de desintegración, dado que cada vez se fala menos e máis castelanizado. Cal é o papel de Airiños neste senso, tendo en conta que naceu, en 1933, no seo do Partido Galeguista para defensa do idioma e da cultura popular?

-Ao meu ver, a boa saúde do galego depende dunha axeitada política lingüística, que non se percibe no actual goberno autonómico, e isto abrangue o ensino, o comercio, os medios de comunicación, o traballo da autoestima, a posta en valor da nosa identidade como pobo diferenciado. Se Airiños deixase de representar en galego, xa non sería Airiños. Sería outra cousa.

-Con motivo do 75 aniversario, Airiños recibiu cantidade de premios.

-A compañía enteira andaba montada nunha nube con tantos premios, témolos todos ben gardadiños. Todos agás o Premio da Cultura Galega das artes escénicas que, aínda que nolo concedeu a Xunta no ano 2012, decidimos non ir recollelo en solidariedade coas actrices e actores profesionais que protestaban polo recorte brutal en cultura daquel ano. Non está no estante cos demais, pero está no noso corazón!

-Tamén foi homenaxeado fóra da comunidade galega e, incluso, en Portugal. Non é así?

-Si, os Amigos do Teatro de Valladolid fixéronnos un recoñecemento pola nosa traxectoria. E tivemos ocasión de compartir escenario con profesionais da talla de Silvia Marsó e José Sacristán. Con Portugal temos un intercambio cada ano con distintos grupos, e é admirable o traballo cultural e comunitario que alí fan. Precisamente o domingo día 6 do mes que vén estará con nós, en Rianxo, un grupo de Braga.

-Conserva viva Airiños a memoria da fame daqueles tempos da posguerra? Porque despois de cada actuación hai celebración.

-Por suposto, é o que se chama terceiro tempo: ensaiar, representar e papar. É ese momento no que se comenta todo o que ocorreu, bo ou malo, con espírito autocrítico. E reparador (engado eu). En realidade, trátase de fame de cultura, necesidade imperiosa de alimento estimulante para que o teatro non desfaleza por avitaminose creativa.

Pois boa saúde! E arriba o telón que a función comeza!

ILUSTRACIÓN ABRALDES