Barbanza necesitaría reforestar 107 hectáreas polos gases dos coches

Francisco Brea
fran brea RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O parque móbil barbancés pode emitir 190.000 quilos de dióxido de carbono ao ano

21 sep 2019 . Actualizado ás 18:08 h.

Acender un automóbil para realizar un traxecto é un xesto moi habitual. En Barbanza, segundo a base de datos da Dirección Xeral de Tráfico, están contabilizados 63.545 turismos, co que isto implica de emisións de dióxido de carbono á atmosfera. Un coche de gasolina que circule 20.000 quilómetros ao ano, expulsará nese período 3.242,93 quilos de CO2. A cifra para un diésel sería de 2.891,85 quilos. Multiplicando, sae un total de 190.672.537 quilos de dióxido de carbono lanzados ao aire de forma anual. Que habería que facer para compensalos? Pois, segundo unha aplicación informática, reforestar 107 hectáreas.

Este dato, para dar unha dimensión da extensión que supón, sería o equivalente a 150 campos de fútbol e 17 hectáreas máis que o gran incendio que afectou a Porto do Son a principios da pasada semana.

Vehículos envellecidos

Un dos problemas que ten a comarca no relativo á contaminación producida polos turismos é a idade do seu parque móbil, que rolda os 16 anos. Como explica José Manuel Abelleira, que rexenta un concesionario, «moita xente ten coches de máis de dez anos e por dúbidas e a crise non dá o paso de cambialo. Hoxe en día falta estabilidade e hai un problema de confianza».

No primeiro semestre de 2019, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, na zona matriculáronse 936 turismos, a maior parte deles nos concellos bañados pola ría de Arousa. Rebaixar a idade media do parque móbil sería un gran paso, xa que os coches actuais emiten menos cantidade de dióxido de carbono: «Podería estar ben que o Goberno puxera en marcha un plan para que a xente que ten automóbiles diésel de máis de dez anos os renove. Habería que dar algún tipo de axuda e un prazo de tempo para facer o cambio», reflexiona Abelleira.

A remontada do diésel

A pesar de que o gasoil pasou un momento de crise cando o Goberno anunciou que tiña os días contados, parece que elixir vehículos que utilizan este carburante volveu a coller forza entre os barbanceses. «Cando saíu a noticia xerou inquietude e a xente lanzouse aos coches de gasolina», confirma José Manuel Abelleira. Pero, segundo as súas propias palabras, parece que esta tendencia perdeu forza.

Nestes momentos, o empresario de Boiro indica que «volveuse á realidade. Se o comprador vai facer moitos quilómetros compénsalle mercar un turismo diésel, mentres que se fai poucos é mellor un de gasolina». Pero para reducir as emisións de dióxido de carbono á atmosfera pódense levar a cabo pequenas accións que acaban sumando. Compartir vehículo, evitar o automóbil en traxectos curtos e urbanos e utilizar o transporte público son exemplos.