Condenado a máis de dous anos de prisión e a pagar case 130.000 euros de indemnización o mariscador que rebentou un ollo á secretaria da Confraría da Pobra

La Voz RIBEIRA

BARBANZA

PACO RODRÍGUEZ

Tamén terá que pagar polos danos causados a os dous vixiantes aos que agrediu no mesmo altercaco, e ao depósito, que se viu obrigado a contratar a outra persoa durante a baixa da traballadora, durante máis dun ano

21 sep 2019 . Actualizado ás 20:41 h.

«Como teña que pagar eses cartos, vanche saír do lombo». Con esta expresión dirixiuse, o 15 de xuño do 2016, o mariscador da Pobra Sergio García Sobrido a un vixiante do depósito que lle denunciou por unha actuación irregular. Aquela multa probablemente fose unha nimiedade comparada cos resultados da súa airada e agresiva protesta daquela tarde que non quedou na frase que mesmo saíu a relucir no xuízo, porque o home, acto seguido, emprendeuna a golpes co garda ao que se refería e contra un compañeiro de leste, e na refrega, un das puñadas acertou no ollo da secretaria da entidade, que «sufriu perforación ocular por estalido do globo ocular», segundo recolle o fallo.

A consecuencia diso, Sergio García terá que indemnizar á muller con máis de 105.000 euros, importe ao que hai que sumar outros 22.382 euros dos gatos que supuxo á confraría suplir a baixa, 39 euros máis a cada un dos dous vixiantes, e a suma pode subir aínda máis porque queda pendente de dilucidar a responsabilidade civil da súa acción.

Segundo testemuña a sentenza, que é recurrible, o fatídico día, Sergio García, molesto por un expediente sancionador que se lle notificou, chegou á sede da confraría pobrense pedindo falar co vixiante que lle denunciou. Foi atendido pola secretaria, e nese momento entrou o garda que buscaba, ao que se dirixiu en ton ameazante. Cando parecía que ía marcharse, volveu sobre os seus mesmos pasos, atravesou o mostrador e entrou na zona reservada para os empregados, lanzando patadas e puñadas contra o que o había expedientado, que o vixiante conseguiu esquivar.

A secretaria e o outro garda levantáronse para separalos. O compañeiro do vixiante conseguiu levar ao mariscador ata a porta da oficina, tratando de acougalo. Crendo que se tranquilizou, soltouno, e Sergio García volveu entrar na dependencia, dirixindo novamente patadas e puñadas ao empregado do depósito que buscaba. Un das puñadas rozoulle o rostro e acabou impactando de cheo no ollo no ollo dereito da secretaria, á que foi a atender o outro vixiante, momento que aproveitou o agresor para pegarlle unha patada.

O garda que estaba a atender á agredida, vendo a gravidade da ferida, empezou a proferir berros, polo que Sergio se detivo e sinalou que non era nada, e abandonou a sede da confraría «sen interesarse polo estado que presentaba» a ferida.

A secretaria da confraría da Pobra necesitou 359 días para curarse, tempo no que non puido desempeñar o seu traballo. Ademais da gravidade da lesión ocular, quedaron secuelas, como a perda da visión no ollo afectado. Así mesmo, constatóuselle un trastorno depresivo e o prexuízo estético de ter un ollo atrófico, que a limitan nas súas funcións. Aos outros dous vixiantes ocasionoulles lesións leves, polas que terá indemnizar con 39 euros a cada un.

No xuízo, o acusado recoñeceu a existencia do enfrontamento, pero alegou que tratou de defenderse dos golpes que intentaba propinarlle o garda, e que foi este quen golpeou no ollo á secretaria «versión que é contradicida pola lesionada e as restantes testemuñas que, de forma rotunda e convincente, manifestaron estar seguros de que foi o acusado quen golpeou no ollo á lesionada. A falta de credibilidade do testemuño do acusado púxose tamén de manifesto cando dixo que non viu que sangrase despois de ter recibido o golpe cando, tanto a prexudicada como a testemuña manifestaron que, axiña que como recibiu o golpe, comezou a sangrar e saíalle un líquido do ollo», sinala o fallo.

Outro dos argumentos que o acusado empregou no xuízo foi a existencia de inimizade manifesta dos tres traballadores da confraría con el, por ter realizado queixas anteriores, o que desacreditou o tribunal, que fixo o mesmo co argumento de que Sergio García non puido realizar semellante agresión pois ten unha incapacidade recoñecida que lle impide pechar o puño, circunstancia que desmentiron os tres integrantes do persoal do depósito, que testemuñaron que na agresión utilizou os puños de ambas as mans e, a maiores, que as utiliza para mariscar, porque usa o rastro, arte que obriga a empregar os dúas extremidades superiores; ademais, na vista non se presentou ningún informe médico que confirmase dita limitación.

As acusacións pedían 124.100 euros en concepto de indemnización para a secretaria, polas lesións e as secuelas; así como 24.298 pola lesións temporais; 50.829 polas secuelas; 11.305 por prexuízo estético; e 19.500 por prexuízo moral. Ademais, atendendo ao informe forense que sinalaba que no futuro, a agredida podería ter que volver ser intervida para enuclear o globo ocular e a colocación de prótese, a defensa pedía unha indemnización a maiores de 1.560 euros, máis os gastos médicos e outros futuros.

Finalmente, a pena queda en dous anos e seis meses de prisión, dous meses de multa cunha cota de 9 euros por cada un dos delitos leves de lesións, pola agresión aos vixiantes; 105.933,52 euros á secretaria, máis os intereses aumentados en dous puntos desde a data da resolución, a cuxa cantidade se sumará a responsabilidade civil que finalmente decida o tribunal. Ademais, Sergio García terá que facerse cargo das costas procesuais, incluídas as da acusación particular.