Que expliquen

BARBANZA

20 sep 2019 . Actualizado ás 20:47 h.

Volvemos outra vez a eleccións coa sensación de empacho de quen comeu demasiado e aínda por riba os pratos non estaban nada bos. A percepción do que aconteceu foi do máis nefasta, e explícome. Non podemos ser tan inxenuos como para pretender que se aireen os pasos intermedios das negociacións entre partidos políticos. As conversas son espazos abertos nos que se botan farois para ver se recollen ases. Ese é o actual xogo político e non hai nada malo niso, é inevitable. A min paréceme ben que os políticos queden a comer en reservados ou teñan a cabeza tan aberta para aceptar solucións creativas que arranxen desencontros.

O que debe ser transparente para o votante, pola contra, é o resultado da negociación: sabermos que acordaron ou que non acordaron. Esas evasivas dos partidos á hora de explicar os seus apoios sempre me pareceron unha tomadura de pelo. E non só iso: alimentan a sospeita.

Que raio lles deron para votar por eles? Por que non se pode explicar que lle pagaron cunha autoestrada ou unha competencia? Aos voceiros dos partidos, habitualmente encantados de falar, de súpeto fáltanlles as palabras, xusto no eixo do seu traballo parlamentario. Non hai cousa máis importante da súa tarefa que o sentido do voto.

Desta volta, ninguén nos explicou claramente o desencontro. Eu podo entendelo -mesmo creo poder sabelo, polo que me contaron- pero deben dicilo con claridade á opinión pública.

E iso non fai máis que alimentar a enorme vaga de abstención que nos chega.