Portos busca unha localización alternativa para apiar colectores no porto da Pobra

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O asunto debateuse na comisión parlamentaria de Pesca a instancias do BNG

12 sep 2019 . Actualizado ás 21:44 h.

O proxecto presentado por unha empresa para apiar colectores no peirao comercial da Pobra superou todos os trámites pertinentes e cumpre coas normativas correspondentes, segundo a Xunta, pero topouse co rexeitamento frontal de consignatarias e conserveiras, ademais do Concello pobrense, e iso levou a Porto de Galicia a volver sobre o asunto e buscar unha alternativa para situar os containers. Así llo trasladou a presidenta do ente autonómico, Susana Linguas, aos demais grupos no transcurso da comisión parlamentaria de Pesca celebrada esta mañá no Hórreo.

O asunto chegou ao Parlamento galego da man do BNG. O seu portavoz na comisión, Montse Prado, instou a Portos a buscar unha localización alternativa para a instalación dos colectores solicitada pola empresa Alicrusa ante a oposición de consignatarias e conserveiras á súa localización no peirao comercial da Pobra por considerar que entorpecerá a actividade no porto: «Hai que cambiar o emprazamento para buscar unha solución satisfactoria para todas as partes».

Prado recalcou tamén que o seu formación non se opón á instalación dos colectores, pero insistiu en que debe buscarse unha alternativa «que non prexudique ao resto de actores que traballan no porto pobrense». Neste sentido, os nacionalistas expuñan como unha opción a ocupación dos terreos que o ente autonómico ten sen uso na mesma dársena: «Teñen unha zona ociosa, sen ocupar, dunha dimensión importante na que collería sen problema este proxecto». Esta é só unha suxestión, pero o BNG insiste na necesidade de que se busque unha solución que sexa satisfactoria para todos.

Prórroga solicitada

Pola súa banda, Susana Linguas explicou que se iniciaron os contactos tanto coa promotora do proxecto como coas empresas conserveiras e consignatarias que presentaron un recurso de reposición sobre a concesión para buscar unha alternativa beneficiosa para todas as partes. De feito, a presidenta de Portos sinalou que Alicrusa solicitou unha prórroga para o inicio das obras en aras de buscar un espazo alternativo para os colectores.

De momento non hai unha proposta definitiva, pero a Administración autonómica e a concesionaria traballan na procura dun novo emprazamento.