Lolo Penas e Joselyn Brea coroáronse na pedestre noiesa

P. Bretal RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Atletismo O podio da competición por equipos encabezouno o conxunto Sar-Vermú Petroni, seguido do O Pino e do Tambre Bike & Running

02 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A vixesimoterceira edición da Carreira Pedestre Popular de Noia xa ten aos seus campións, un Lolo Penas Blanco (0:24:24) que revalidou o título e unha Joselyn Daniely Brea Abreu (0:26:49) que brillou na clásica proba de atletismo da vila medieval, na que durante a noite do sábado participaron máis de 600 corredores. No apartado de equipos, o Atletismo Sar-Vermú Petroni coroou o podio outro ano máis, seguido do Club Atletismo O Pino e do Tambre Bike & Running.

Para volver levantar o título, Lolo Penas executou unha carreira impecable, ocupando o primeiro posto durante todo o circuíto. A tan só tres segundos finalizou o luso Nuno Costa (Tambre Bike & Running), mentres que a terceira praza lle pertenceu ao arxentino Facundo Ismael Medard (Tríatlon Arteixo).

MARCOS CREO

Brea, laureada atleta da Sociedade Ximnástica de Pontevedra -quen xa gañara outras relevantes probas na zona como a Sen-Son- impúxose a Paula Mayobre (Club Atletismo Clínica Dental Seoane), vencedora nas últimas edicións da pedestre noiesa. O bronce feminino mordeuno Sandra Mosquera Losada (Adas Proinor).

Doutra banda, xa forma parte da historia desta competición a xesta que realizou Romaric Forques para o San Miguel de Marín. Non só foi campión da categoría sub23 tras chegar preto dun minuto e medio tarde á liña de saída, senón que se fixo co sexto posto na xeral.

Homenaxe a Manuel Paz

Un dos momentos máis emotivos tivo lugar antes do pistoletazo de inicio da carreira absoluta. O alcalde noiés, Santiago Freire, encargouse de brindar un sentido recoñecemento ao atleta veterano Manuel Paz Suárez, quen aos seus 86 anos logrou reporse dunha lesión para colgarse en Sagunto dous ouros nacionais, nos 400 e 200 metros lisos, e agora prepárase para disputar o campionato europeo.

MARCOS CREO

Por outra banda, cabe destacar o segundo posto sub23 de Pablo Monteagudo Lago, un dos grandes talentos do Club Atletismo Noia. O campión sub20 foi Daniel Freire Ruibal, mentres que no apartado feminino sub23 foi Cristina Fuentes Lorenzo a que levou o triunfo.

Na modalidade de veteranos 1 Manuel Furtado Sanjurjo (Sociedade Ximnástica de Pontevedra) foi o primeiro en cruzar a meta, sucedido de Carlos Lorenzo Blanco e de Nicolás Domínguez García (Disa HPS Tríatlon). Nesta mesma modalidade, pero feminina, a vitoria levoulla outro rostro coñecido na zona, Beatriz Barroso Pérez (Tribo Trail), que se impuxo a Alicia García Cruz (AD Olimpia) e a Mayuca Cortón Tesouro.