As autoridades vinculaban unha vaga de incendios en Barbanza co contrabando

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

En 1984 a comarca era a zona de Galicia máis castigada polo lume

17 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O contrabando foi durante moito tempo unha práctica moi estendida en Barbanza e, de feito, aínda hoxe quedan vestixios desa actividade, como os zulos que se escavaban en montes como o de Neixón para esconder os alixos. Pero os que se dedicaban ao oficio tiñan outras artimañas moito máis perigosas e daniñas para eludir o cerco das forzas da orde. Hai 35 anos, os municipios de Boiro, A Pobra e Ribeira concentraban a maior parte da superficie afectada polos incendios forestais en Galicia, e as autoridades relacionaban este feito co contrabando.

O entón gobernador civil reuníase cos alcaldes da comarca para abordar esta cuestión e apuntábase que «os contrabandistas plantan lume ao monte para desviar a atención das forzas da orde e pasar os seus alixos con facilidade».