O cubo e a pa

Estevo Silva Piñeiro SOSPEITOSO HABITUAL

BARBANZA

22 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Creo que algunha vez xa lles comentei que na lotería da herdanza xenética, a pesar de ser o primoxénito de tres irmáns, non tiven a mellor das sortes no que á repartición de dons refírese. Herdei a calvicie dos meus avós e non o pelazo do meu pai.

Máis ben, de leste tomei a tendencia a inflarme máis aló das miñas posibilidades e dúas ou tres taras de importancia moderada, aínda que, en honra á verdade, este don de xentes suicida creo que tamén é cousa súa. Polo menos a fortuna quixo premiarme cos dous luceritos que mamá implantou no meu rostro e a sorte de poder expresarme con certa facilidade. Isto último creo que é cousa da miña avoa.

Comezo con este soliloquio egocentrista porque de Manolo o da farmacia, o mellor dos homes, herdei dúas cousas completamente antagónicas: paciencia e un punto cascarrabias. Se me len, saben que procuro ser o máis honesto posible cando lles falo. Pero, se lles son sincero, esta bobada miña desgasta máis do debido. As actitudes quijotescas é o que teñen, se cargas contra muíños é normal que che magulles. Ás veces síntome como o raparigo que prepara un dique de area na praia mentres sobe a marea: por moito que traballe co seu cubito e a súa pa, sempre remata vendo a inevitable caída do muro.

Por iso hoxe quérome regalar este descanso na vehemencia habitual. Sei que non son Elliot Ness, -aínda razoo-, pero de cando en vez é saudable respirar e contar ata dez para non renderse de pura frustración.

Procurarei retornar cun cubo e unha pa máis grandes.