Os soldos dos alcaldes ascenden a 376.000 euros brutos anuais

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O salario dos rexedores da comarca sobe un 6,9 % con respecto a fai catro anos

25 oct 2019 . Actualizado ás 21:52 h.

Transcorrido un mes desde a celebración dos plenos de investidura, as corporacións xa están en posición de saída para afrontar catro anos de mandato. Todas celebraron as sesións de organización nas que, entre outras cuestións, apróbanse os salarios dos alcaldes e daqueles edís que terán dedicacións exclusivas ou parciais. O aspecto retributivo é o que adoita xerar maior controversia e, tamén, o que esperta máis interese entre os cidadáns. Na comarca, os soldos dos cargos políticos con remuneración elevaranse a 995.000 euros brutos anuais, dos que 376.000 corresponden aos alcaldes.

En termos xerais, a contía é sensiblemente superior á do inicio dos gobernos locais no 2015. Por unha banda, polo aumento do número de edís retribuídos e, por outra, porque algúns rexedores incrementaron os seus honorarios. En todos os casos, as contías axústanse ao establecido pola lei.

Polo que respecta aos mandatarios, o ascenso global rolda o 6,9 %, pasando dos 350.000 euros de fai catro anos aos 376.000 actuais. Con todo, a cantidade é inferior, en 97.000 euros, á do arranque do mandato do ano 2011.

Dous sen nómina municipal

O rexedor noiés, Santiago Freire, é o único que decidiu renunciar á dedicación exclusiva. En contrapartida, hai máis edís dedicados a atender os asuntos municipais, co que o desembolso mensual se mantén parello ao do exercicio anterior.

Tampouco percibe remuneración o mandatario de Carnota, Juan Manuel Saborido, pero no seu caso é porque non logrou os votos suficientes para sacar adiante a súa proposta, que incluía o cobro de 41.000 euros brutos anuais, e unha dedicación exclusiva para a tenente de alcalde de 16.800.

O maior incremento no que respecta a honorarios prodúcese en Ribeira, porque aínda que o alcalde, Manuel Ruiz, mantén conxelado o seu soldo, hai tres persoas máis que no anterior mandato que están retribuídas, o que eleva o gasto total por amais dos 200.000 euros brutos anuais.

Tampouco o seu homólogo mazarico, Juan José Blanco, incrementouse a contía a percibir, pero á súa dedicación hase engadido outra, cuns honorarios iguais aos seus 30.000 euros. Os que si se elevaron os seus salarios son os alcaldes de Rianxo, Porto do Son, A Pobra e Lousame, achegándose máis aos topes establecidos pola lexislación.

Outros, pola contra cobran menos que os seus antecesores, como é o caso da muradá Inés Monteagudo, o boirense José Ramón Romero , e o do outiense Manuel González. Este último cedeu ás esixencias do PP para ver aprobada a súa proposta. Así, aínda que hai máis dedicacións, o gasto bruto mensual mantense. En Muros aumenta en 600 euros anuais.

Un total de 36 edís das once corporacións reciben algún tipo de remuneración

Boa parte dos executivos locais apostaron, nesta ocasión, por incrementar o número de edís con algún tipo de dedicación para atender os asuntos municipais. En total, 36 concelleiros das 11 corporacións reciben algunha remuneración. O Concello de Ribeira é o único no que integrantes de dous partidos da oposición, PSOE e BNG, tamén teñen unha asignación mensual. Trátase dunha fórmula que se estrea na comarca, pero que se aplica nalgunhas cidades.

No caso rianxeiro, o pacto ao que chegou o BNG para gobernar conxuntamente co PSOE motiva a existencia dunha nova dedicación exclusiva, a da portavoz socialista.

A falta de maioría absoluta volveu a impedir a Nós Pobra sacar adiante unha segunda dedicación. O executivo quixo facer un novo intento no pleno de investidura, pero finalmente desistiu. Polo que respecta a Boiro, mantén as dúas que había no anterior goberno.

Manuel Ruiz Rivas. Ribeira

55.000 €

Mantén o soldo que tiña ata agora

Luis Oujo Pouso. Porto do Son

45.000 €

Aumentou a súa dedicación en 4.000 euros

Adolfo Muíños Sánchez. Rianxo

45.000 €

Incrementou a súa retribución en 4.000 euros

José Ramón Romero . Boiro

44.000 €

Cobra 5.000 euros menos que o seu antecesor

Xosé Lois Piñeiro. A Pobra

43.000 €

A súa dedicación creceu en 3.000 euros máis

Teresa Villaverde. Lousame

40.000 €

Sumou ao seu soldo 4.600 euros máis

Manuel González. Outes

40.425 €

Percibirá 4.575 euros menos que Molinos

Inés Monteagudo. Muros

33.600 €

Baixouse a nómina 600 euros en relación a Alfonso

Juan José Blanco. Mazaricos

30.000 €

Conserva o soldo que viña percibindo

Santiago Freire. Noia

0 €

O mandatario decidiu renunciar este mandato á dedicación exclusiva que tivo no anterior

Juan Manuel Saborido. Carnota

0 €

Non logrou que prosperase a súa proposta e fará unha nova cunha remuneración de 35.000 euros brutos ao ano