Burócratas dá sotana

Ciprián Rivas VELAÍ

BARBANZA

18 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Celebrouse a festividade da Virxe do Carme co estoupido de bombas e con nenos, mulleres e homes vestindo as mellores galas. Mentres os gaiteiros interpretan o himno galego, un matrimonio lanza unha coroa ao mar desde o barco que leva á santa, como tributo a tódolos afogados. A parella mira como as flores aboian nun océano tranquilo. O cura entoa a Salve e o comandante do posto da Garda Civil incha o peito e estira o pescozo, os patróns maiores encollen a barriga, o alcalde suspira e o armador chama á tripulación para darlle as instrucións necesarias para cando desembarquen. Na ponte, o patrón rodease de estampas e almanaques da virxe. Rosma algo sobre as misas e a igrexa «aínda -di- que algo hai». Homes barbados con experiencias durísimas no mar, descridos dunha relixión na que foron educados, míranse expulsados dela polo pouco esforzo e interese dos seus sumos sacerdotes.

Fai poucas datas, no falecemento dun coñecido home de mar ribeirense, convocaron o enterro un domingo ás 10.30 no cemiterio de Castiñeiras e o funeral para o martes ás 20.30 horas, provocando un despiste xeral da veciñanza, privándoa de acompañar á familia e despedir ó finado. O cura, en modo casual wear oficia debaixo dun intenso solleiro, ó tempo que os vellos mariñeiros laiábanse da hora para acompañar na última viaxe a un dos seus. Todos agardan que a Virxe do Carme acolla a Xosé con mellores honras que as oficiadas por un burócrata da sotana. E o fará porque sómente ela conta coa xenerosidade que a súa propia congregación na terra lle nega aos seus acólitos.