Francisco López Valladares: «Mércase con maior conciencia»

laura veiga / m. x. b. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

A VIVA VOZ | Presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia | No 2018, as vendas de produtos certificados como ecolóxicos disparáronse un 33,2 %

12 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Natural de Ponte de Outeiro, en Castro de Rei, o actual presidente do Craega, comezou xa no 2010 a súa propia produción de leite ecolóxico abrindo a queixería Casa Ánxel na Pastoriza, onde reside actualmente. Co obxectivo de garantir produtos da maior calidade, sans e respectuosos co medio ambiente, Francisco López Valladares uniuse ao Craega converténdose primeiramente nun dos asociados con maior antigüidade no consello regulador e, máis tarde, no seu presidente.

-Como evolucionaron os produtores nos últimos anos na comarca do Barbanza?

-Non manexamos datos segmentados por comarcas de anos anteriores, co cal non estamos en condicións de efectuar comparativas, non obstante, hoxe en día hai 23 operadores na comarca de Barbanza. É unha zona cun tecido económico fortemente vinculado ao mar, polo que a maior parte desenvolven tarefas relacionadas coa acuicultura. Con 14 inscritos, Rianxo eríxese con diferenza coma o municipio da comarca con máis produción ecolóxica certificada.

-E na zona da Costa da Morte?

-Fisterra, Bergantiños e Soneira suman catro inscritos no Craega, todos eles concentrados na comarca de Terra da Soneira, dous deles dedicados ás conservas e outros dous á produción vexetal.

-Cal é a evolución da produción ecolóxica actualmente?

-A evolución a nivel autonómico queda patente en todas as variables: vendas, superficie certificada e operadores. No 2018, as vendas de produto certificado disparáronse un 33,2 % con respecto ao 2017. A superficie certificada subiu arredor de seis puntos e os operadores case oito puntos con respecto ao pasado ano.

-Por que na comarca de Barbanza non hai ningún produtor dedicado ás algas se tamén son produtos do mar? É un mercado máis difícil de introducir?

-O crecemento dunha actividade económica sempre está vinculado ao interese que amosa o mercado. En calquera caso, hai que lembrar que a certificación en ecolóxico é voluntaria.

-Na Costa da Morte apenas suman 12 produtores pero a provincia da Coruña, segundo a memoria correspondente ao ano 2018, ten o 37 % das terras arables. A que se debe?

-A Coruña, segundo o IGE, é a provincia galega máis poboada e polo tanto a que menos superficie certifica en ecolóxico (2.966,7 hectáreas). Sendo o músculo económico de Galicia, nesta provincia teñen a súa sede importantes industrias e empresas de servizos que deixan nun segundo plano o sector primario.

-Nesa mesma memoria explícase que A Coruña é a provincia que rexistra máis terreo en conversión (36,8 %). A que se debe?

-Pouco a pouco, A Coruña vai gañando protagonismo grazas ao peso que van adquirindo os cultivos de hortalizas, pastos e millo forraxeiro. A demanda cada vez máis alta de produtos bio está a multiplicar as producións de horta nos concellos que limitan cos principais núcleos urbanos.

-Por que tanto na comarca de Barbanza como nas de Fisterra, Terra de Soneira e Bergantiños non hai agricultura ecolóxica dedicada á apicultura?

-A produción de mel en ecolóxico ten que axustarse á normativa da UE. As colmeas, por exemplo, non poden situarse preto de zonas nas que se efectuaran tratamentos aéreos con produtos fitosanitarios non autorizados en ecolóxico durante polo menos os últimos tres anos.

-Hai un cambio na maneira de mercar dos consumidores?

-O consumidor compra cada vez con máis conciencia. A preocupación pola saúde, o coidado do medio ambiente e o compromiso coa economía local están detrás do incremento da demanda. Segundo o último barómetro do Craega, o eco xa forma parte do menú diario dun 15,2 % dos enquisados, un 8,8 % máis que no ano 2014.

-Cales son os principais problemas ou dificultades para a ampliación deste mercado?

-Cando un agricultor ou gandeiro decide iniciar a súa actividade en ecolóxico ten que ter moi claros os tempos. Segundo o tipo de actividade, os períodos de conversión oscilan entre os seis meses e os tres anos, un factor que retrasa a súa entrada no mercado, aínda que neste prazo poden seguir vendendo o seu produto en convencional.