A forza da oposición

Ciprián Rivas

BARBANZA

27 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A reinterpretar.42 anos das primeiras eleccións democráticas en España e a 39 das primeiras municipais, todo transcorreu con normalidade na constitución das corporacións que rexerán a vida política nas comarcas de Barbanza, Muros e Noia. A cidadanía votou, coa sabedoría que lle corresponde, e nalgúns concellos mudou equipos de goberno; outros mantívoos e noutros eliminou a partidos para que entrasen novos con propostas diferentes. Cando non se acadan maiorías, a estratexia dos pactos ten a capacidade de a definición de democracia que algúns aprendices de bruxos, con acta de concelleiros, que desexan gobernar por riba de todo denominan «aposta en común para presentar alternativas de goberno»; é dicir, deixar que non goberne a lista máis votada.

A fórmula consiste en sumar os concelleiros necesarios, aínda con siglas diferentes, para desbancar a quen os superou nas urnas, quen realmente gañou, pero que non gobernará. Pasou en Ourense. Pasou en Catoira. Pasou en Boiro co PSOE. Juan José Dieste (PP), anterior alcalde, responde que irá á oposición e desde alí fará política porque é aí onde o mandou a súa veciñanza ao perder dous concelleiros. Se Dieste aguanta os próximos catro anos nesa bancada sen baixar da súa acta sería un exemplo a seguir. Ten experiencia, coñece ben o Concello e o seu aparato administrativo, podendo realizar tarefas que axuden a que o goberno de Martiño estea máis fiscalizado na súa actividade, misión fundamental do xefe da oposición e do seu grupo.

Non acontece así en Ribeira, onde o primeiro grupo da oposición, o PBBI, formado por anteriores representantes nas corporacións presididas por Ruiz Rivas, non escoitou a súa chamada logo de convocar a todos os partidos. Soamente realizará escoita activa nos plenos e nas xuntas de voceiros, responde o seu líder carismático, a pesares de que na toma de posesión Ruiz apelou ao entendemento e «deixar atrás liortas para traballar por Ribeira». Baixo unha emoción contida dixo: «Déronme un cargo e teñen que facilitar o goberno da cidade: un cargo sen goberno non vale para nada». Esa é exactamente a forza da oposición, pero quen o sabe non pode entorpecer a acción de goberno porque, se o fai, está condenando unha cidade á paralización e iso é táctica política que, como todos sabemos, os partidos poñen por riba do consenso sen pensar no ben común. Grande erro estratéxico, por outra parte, nado no resentimento e na vinganza.

Un partido, PBBI, con 3.751 votos que representa o 27,82 % do electorado pode sumar aportando ideas e controlando ao executivo, o mesmo que as outras forzas, nun municipio con retos dabondo para marcar o futuro e liderar un novo modelo económico, tal como reflicten os datos aportados polo INE, que o sitúan entre os 217 concellos coa renda per cápita máis elevada de España. Dar respostas ao declive demográfico, máis terreo industrial e modernización das infraestruturas. Non pode existir máis presión para quen goberne que esas metas.