O reelixido Adolfo Muíños evocou a Castelao para que o polifacético rianxeiro lles guíe

Jose Manuel Jamardo Castro
j. m. jamardo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

jamardo

O nacionalista fíxose co bastón de mando ao conseguir os votos do seu grupo e do PSOE

16 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O salón de plenos do Concello de Rianxo converteuse no final da festa da democracia. Alí estaban os 17 representantes que elixiron os veciños o 26M e que durante catro anos serán os encargados de velar polo seu benestar e os seus problemas. A secretaria explicou a mecánica da investidura e presidiron a sesión o edil de maior idade, Germán Allut, e o máis novo, Julián Bustelo. A continuación, solicitouse aos partidos que presentasen a súa candidatura e tan só o fixo o BNG. O nacionalista Adolfo Muíños conseguiu os seis votos do seu grupo e os catro do PSOE, pois xa era oficial o pacto de goberno entre ambas as opcións políticas. Os frontistas tomaron posesión pondo a Castelao como guía para que lles axude a «ir polo bo camiño».

Nunha sesión cargada de simbolismo e con numeroso público, Rianxo en Común tomou posesión por «imperativo legal», mentres que os edís do BNG volveron lembrar ao polifacético escritor e político rianxeiro, ao que puxeron como referente da súa xestión nos próximos catro anos. No lugar da toma de posesión había un pequeno carballo que, segundo explicou o rexedor, reflicte a nova política que pretenden pór en marcha a favor da ecoloxía e o medio ambiente, dúas cuestións que lles preocupan moito, do mesmo xeito que a defensa da ría, «da que dependemos en gran medida os veciños de Rianxo e que non estamos dispostos a consentir que a sigan maltratando».

Palabras de cariño

Nada máis facerse co bastón de mando por terceira vez consecutiva, agradeceu aos veciños o apoio ás forzas políticas representadas no Concello, pero tamén tivo palabras de cariño para os seus compañeiros «por estar sempre aí».

Na súa alocución fixo referencia ao pacto acadado cos socialistas e que segundo aclarou: «Vainos dar máis estabilidade e solidez». A intención do novo goberno é pórse a traballar de inmediato e seguir pola senda da mellora dos servizos sociais, cuxo reto está na posta en marcha do centro de día. Tamén insistiu na necesidade de continuar aumentando o saneamento e chegar á práctica totalidade dos veciños.

Muíños tamén tendeu a man á oposición, á que lle pediu colaborar para sacar os problemas adiante e «estar todos xuntos para conseguir poñer en marcha os grandes proxectos que Rianxo precisa».

Para rematar, lembrou aos asistentes que «o Concello é a casa de todos e polo tanto vos sodes os que mandades e poñedes e sacades alcaldes».

DATA E LUGAR DE NACEMENTO

Adolfo Muíños veu ao mundo un 26 de maio de 1966 en Santiago de Compostela.

PROFESIÓN

É licenciado en Pedagoxía e diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela.

CURRÍCULO

O actual mandatario rianxeiro leva moitos anos en política e sempre ligado ao Bloque Nacionalista Galego. No 2011 conseguiu liderar a lista máis votada e gobernou en coalición co PSOE. Catro anos despois, volveu vencer nas eleccións municipais, pero tivo que gobernar en minoría chegando a acordos puntuais coa oposición.