A Pobra foi a capital da implantología

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O seminario de odontoloxía acolleu a presentación de novas técnicas que revolucionarán o traballo dos dentistas

16 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O mundo da odontoloxía non para de evolucionar e sempre baixo una mesma premisa: «O máis importante é a saúde do paciente e hai que buscar alternativas de tratamento menos invasivas, traumáticas e custosas». Así o explicou onte o doutor Gonzalo López, director do decimotercer seminario sobre implantes, que se celebrou no Museo Valle-Inclán da Pobra, e que este ano tivo un carácter multidisciplinar.

Máis de 130 profesionais chegados de España e Portugal asistiron á sesión teórica de onte -impulsada por Atlantic Dental Institute e Dentsply Sirona Academy-, que se iniciou coa presentación en primicia da nova técnica conométrica para colocar coroas que patenta Marco Degidi, quen explicou que este novo procedemento ten a vantaxe de que non deixa o buraco dos implantes con parafuso, e ademais pódese extraer no caso de que sexa necesario, algo que non ocorre coas pezas que se unen con cemento. Afirmou que o seu método consiste en colocar unha base cónica sobre un alicerce e pór a coroa en forma de cono sobre ela, seguindo o concepto dun vaso sobre outro vaso.

Ademais da presentación desta nova técnica que vén revolucionar o mundo da implantología, no seminario tamén se contou coa presenza do odontólogo italiano Elio Berutti, que falou das novas técnicas para realizar endodoncias minimamente invasivas.

Novos produtos

Analizou un novo procedemento para matar o nervio no que se reduce o tamaño do buraco que se debe realizar para limpar a zona danada, e para o que se poden empregar lentes de aumento, ademais de novos materiais de desinfección, recheo e selado que ofrecen mellores resultados.

Pola súa banda, Carlos Repullo presentou as novas técnicas de odontoloxía dixital, que grazas ao escaneado intraoral permiten conseguir a información exacta dunha determinada peza, que se pode fabricar en poucos minutos nunha fresadora e colocar ao paciente nunha mesma sesión.