Accidente brutal na autovía de Barbanza cun ferido moi grave

BARBANZA

Carmela Queijeiro

O coche no que viaxaba o mozo, de 24 anos e veciño de Teo, chocou contra a base dunha ponte e quedou partido en dúas

17 jun 2019 . Actualizado ás 15:53 h.

A autovía de Barbanza recuperou a normalidade despois do gravísimo accidente que tivo lugar á primeira hora da mañá e que obrigou a cortar os dous carrís en dirección Santiago. Pouco despois das 8.00, a través do 112 dábase a voz de alarma de que un vehículo impactara contra a mediana de formigón á altura do punto quilométrico 31, na saída pobrense da Ribeiriña, e quedaba partido en dúas. O condutor e único ocupante do turismo, R.C.G., un mozo de 24 anos e veciño de Teo, foi traslado en helicóptero ao Clínico compostelán en estado crítico.

Debido á brutalidade da colisión, a parte frontal do vehículo quedou incrustada no muro de formigón da parte dereita da calzada. A poucos metros achábase o asento do copiloto e un pouco máis lonxe, o resto do turismo. Aí estaba o asento do condutor, onde segundo diversas fontes, continuaba o mozo de Teo, co cinto de seguridade posto, cando chegaron os equipos de urxencias

Persoal médico do centro de saúde da Pobra estabilizou ao ferido ata a chegada ao lugar do helicóptero medicalizado que o trasladou ao Clínico de Compostela. No lugar montouse un gran dispositivo formado polos bombeiros de Ribeira, a Policía Local da Pobra, a Garda Civil e unha ambulancia do 061. Os dous carrís da autovía en dirección Santiago permaneceron cortados ata pouco antes das once da mañá, debido aos traballos de retirada do coche e limpeza da calzada.

Desde os equipos de urxencias desprazados á zona aseguraban que nunca viran nada igual, referíndose á brutalidade do choque e ao estado no que quedou o vehículo.