Arranque cun discurso de Anxo Moure a prol da lectura e o medio ambiente

BARBANZA

O escritor e narrador lembrou a travesía do Xurelo e a loita na que el participou para protexer as dunas de Corrubedo

14 jun 2019 . Actualizado ás 18:36 h.

Aproveitando a presenza dun cento de escolares do Grupo, expoñentes das xeracións que veñen, o escritor Anxo Moure abriu a quinta Feira do Libro de Ribeira cun discurso a prol da lectura e do medio ambiente. Establecendo a relación lóxica entre os libros e as árbores, das que sae o papel, o narrador animou aos máis pequenos a defender a natureza e tamén os instou a recoñecer o traballo daqueles que loitaron neste eido no pasado.

Neste sentido, Anxo Moure lembrou a travesía do Xurelo, que partindo de Ribeira «loitou contra uns bidóns que hoxe en día se están abrindo no Atlántico». E mesmo se referiu a unha batalla na que el mesmo participou: «Cos compañeiros de Cenar cortei nos 80 a entrada das máquinas a Corrubedo para que non destruíran a duna».

Xunto a esta faceta de ecoloxista, na que leva mergullado catro décadas, Anxo Moure destacou as de escritor e contador: «Estiven en máis de dous mil colexios de Galicia e participei nunhas nove mil sesións de contos».

O autor pechou a súa intervención dedicándolle un pequeno relato a un ribeirense ao que dixo admirar, Quico Cadaval, que se atopaba na Praza do Concello e lanzándolle unha última mensaxe aos nenos presentes: «Non tiredes lixo ao mar».

Suma de esforzos

Ademais de Anxo Moure, na apertura da Feira do Libro interveu o secretario xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, que animou a seguir sumando esforzos a prol dunha sociedade lectoral: «Temos que adoptar medidas para chamar a atención do público infantil e xuvenil, para garantir que a cadea siga funcionando».

O rexedor local, Manuel Ruiz, cualificou o libro como «a porta dun novo mundo».