O IES A Cachada puxo o broche á primeira fase de construción dun módulo bioclimático

A. Parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Os alumnos empregaron materiais como cal, palla, barro ou area

14 jun 2019 . Actualizado ás 18:35 h.

O club de ciencia do IES A Cachada de Boiro presentou onte os resultados do traballo realizado no marco do proxecto A Casiña dous Maios, unha construción bioclimática realizada a partir de materiais tradicionais e sostibles. Tratouse dunha iniciativa STEM, «que consiste nun módulo bioarquitectónico para demostrar que as condicións de salubridade e habitabilidade das edificacións feitas con técnicas de bioconstrución son mellores que as das vivendas convencionais», tal e como apuntaron desde o club que coordina a docente Flor Domínguez.

Esta edificación, «que non ten equivalente en ningún centro educativo de secundaria en Galicia», rexeita os materiais construtivos comúns na actualidade, «como os cementos portland, formigóns, pinturas plásticas e non convencionais». No seu lugar, a casa foi levantada con outros elementos naturais que se utilizaron tradicionalmente en Galicia, «como é a cal, a palla, o barro, a area, ou as pinturas á cal».

As iniciativas

Ao longo deste curso académico, realizáronse varios proxectos enmarcados no da Casiña do Maios, como a instalación de «unha placa solar no tellado, rego automático, unha estación meteorolóxica e unha microestación gobernada por Arduino» ou un mapeado de datos de medición de gas radón na zona.

O alumnado deste centro de secundaria boirense tamén deseñou e creou un invernadoiro cun domo de frecuencia tres para cultivar plantas aromáticas. Para levar a cabo uno dos traballos científicos máis interesantes dos realizados nos institutos da zona, contaron coa indispensable colaboración do bioconstructor Guido Tomasini, así como o patrocinio de distintas firmas.