O furtivo agredido en Lira: «A min danme pena os fillos dese home, como tamén me doen os meus»

Juan Ventura Lado Alvela
J. V. lado CEE / LA VOZ

BARBANZA

marcos creo

A vítima do ataque polo que Manuel Martínez podería ir ao cárcere dá a súa versión do ocorrido no 2013

21 abr 2019 . Actualizado ás 15:35 h.

Miguel Ferrío, o fisterrán por cuxa agresión en Lira no 2013 condenaron a tres anos de cárcere a Manuel Martínez Lustres, recoñece o furtivismo e o conflito cos percebeiros locais, pero denuncia que só se estea ofrecendo unha versión dos feitos agora que todo Lira, as federacións de confrarías e mesmo partidos políticos piden o indulto do agresor. Mesmo asegura que pode pórse na pel do condenado, pero non acepta que se difundan mentiras. «A min danme pena os fillos dese home e se vén coa súa familia a pedirme que lle firme para o indulto seguramente lle firme, porque os rapaces doen, como tamén me doen os meus, pero o que non pode ser é ir con mentiras, como que nós fomos á caseta deles ou que eu lle fun cunha navalla», incide.

Ferrío relata que un par de semanas antes envorcáronlles o coche, acudiron coa factura dos danos e tiveron unha discusión subida de ton cos percebeiros de Lira. Pero insiste en que ese día, no momento da agresión, el e o seu compañeiro estábanse metendo no coche, precisamente para escapar do tumulto, e foi agredido por detrás. «Eu o primeiro que pensei foi que me dera un baixón de tensión. Por iso que non sei quen me dou. O único que recordo é querer levantarme e non ser capaz. Despois xa foi cando vin que estaba todo cheo de sangue», conta o fisterrán, que entende que Martínez Lustres «perdeu os papeis» nun momento de calentón, aínda que asegura que mesmo despois do sucedido chegou a perseguilos co coche.

Engade que o conflito cos mariscadores locais viña de atrás. Mesmo chegaron a compartir unha comida para falar as cousas á cara e evitar preitos xudiciais, polo que entendían que a situación estaba aclarada. 

«Furtivos somos todos»

Ferrío non nega que se dedicase á extracción de percebes sen estar legalmente habilitado, pero xustifícao pola súa situación familiar, con dous fillos pequenos e tanto el como a súa muller sen un emprego. «O pequeno tiña dous anos e o grande catro e ti non sabes o que é querer agacharte para coller ao teu fillo que está comezando a andar e non ser quen porque caes detrás del», conta o percebeiro, ao que se lle escapan as bágoas cando lembra aqueles días nos que acababa de recibir 28 puntos de sutura detrás da orella esquerda e non podía ir ao mar. «Porque os fillos comen todos os días», sentenza.

De feito, o fisterrán di que aceptaría un emprego, «por 600 ou 700 euros», pero se non o ten, tampouco renega da súa actividade. «Ninguén é furtivo por gusto. Vese ben quen compra as casas e máis os coches e quen vai para comer. Furtivos somos todos, ou o que está dado de alta e despois colle 20 quilos por detrás non é furtivo?», pregúntase Ferrío.

Para finalizar, insiste en que non quere facerlle máis dano a ninguén, «porque todos somos mariñeiros e a vida dá moitas voltas».