O Barbanza forma filas ante o mundial de Guadalaxara

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

Unha ducia de loitadores da entidade disputará esta esixente cita internacional

19 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Os integrantes do Club Kempo Barbanza estiveron preparando concienzudamente a que se antolla como a gran proba da tempada, o mundial de Guadalaxara. Baixo a batuta de Miguel Pérez, a entidade deportiva barbancesa enviará a un equipo composto por 12 auténticos talentos, entre eles os xa laureados Iván Parada Novo e José Manuel Pérez Parada.

A ducia de membros do Club Kempo Barbanza que obtiveron a chave desta esixente cita internacional no Campionato de España disputarán o torneo mundial desde o vindeiro xoves ao sábado 27. Aos combatentes sénior antes mencionados haberá que sumar unha representación dos mellores activos da base -confórmana infantís, xuvenís e cadetes- deste conxunto.

A base

Así, a delegación constitúena: Marta Teira, Noa Santamaría, Yerai Mariño, Andrea Davila, Álex Pérez, Adrián Sánchez, Paula Castrelo, Paula Oubiña, Ainara Pardal e Beatriz Romano.

«Dende o nacional do mes pasado, levamos adestrando ao máximo, de luns a domingo», explicou José Manuel Pérez do esforzo investido e da seriedade coa que se prepararon. «Sabemos que en Guadalajara entrarán en xogo moitos máis factores, pero imos coa idea de facer un gran papel», sentenciou Pérez.