Esfera pública

BARBANZA

18 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Estes días anda por Internet un meme bastante sintomático: unha voz en castelán di, fronte a unha porta pechada coa bandeira de Galicia pegada, que nos rouban a enerxía pola cara; na seguinte viñeta a voz afirma que imos pagar a AP-9 ata que os porcos voen (a porta seguen sen se abrir).

Na última viñeta, a voz (agora en galego) asegura que este ano non se poderá traer a orquestra Panorama á festa da parroquia. A porta galega ábrese e dela aparece un home indignado e ameazante. Hai quen o explica de modo simplista: os galegos son submisos, non protestan, só están interesados en asuntos tan periféricos como eles mesmos.

O desentendemento dos votantes galegos con respecto aos asuntos públicos é proverbial. Xa no referendo da Constitución, en 1978, Galicia foi, despois de Euskadi, a segunda comunidade autónoma que menos participou (só un 50,2 % dos electores), aínda que sospeito que por motivos distintos aos dos vascos. Peor foi aínda no propio referendo do Estatuto de Autonomía, no que só un vergoñento 26,2 % do electorado foi votar por este autogoberno que despois encheu o país de funcionarios fillos daqueles que non quixeron ir votar.

En xeral, os galegos temos un problema coa idea de esfera pública. A favor desta tese está o feito de que nas eleccións municipais o rural galego é, pola contra, máis participativo mesmo que a media estatal. Aí o votante sente que se xoga algo concreto. Saber a causa de por que custa chegar máis alá debera ser un dos grandes desafíos. E está sen resolver.