As policías adiantan a chegada de auxiliares para suplir as vacantes

BARBANZA

MATALOBOS

Unha vintena de profesionais xa se incorporaron para reforzar estes corpos

15 abr 2019 . Actualizado ás 13:23 h.

No mes de xaneiro entraba en vigor un decreto do Goberno que permitía a xubilación dos policías locais aos 60 anos, unha medida que provocou que moitos axentes barbanceses decidisen colgar o uniforme. A consecuencia directa foi que moitos corpos da comarca quedaron en cadro ?xa que nalgúns casos houbo ata catro baixas?, e cuns persoais mínimos coas que foi necesario facer filigranas para poder cadrar as quendas. De feito, nalgúns casos tivéronse que deixar de facer vixilancias polas noites e as fins de semana ante a imposibilidade de contar con persoal suficiente. Para intentar paliar esta situación, e á espera de que se convoquen novas prazas, algúns concellos optaron por adiantar a chegada de vinte auxiliares, que normalmente comezaban a traballar no mes de xuño.

A capital barbancesa foi a primeira en tomar cartas no asunto e convocou un concurso para crear unha bolsa de traballo formada por 12 persoas. José Manuel Bretal, xefe da Policía Local ribeirense, explicou que cinco xa se incorporaron no mes de marzo e que a eles se sumarán tres máis que vestiranse co uniforme azul esta mesma semana. Os catro restantes comezarán a patrullar as rúas no mes de xullo e ata final de ano, posto que a duración dos contratos é de seis meses, segundo marca a lei.

Tamén en Rianxo e A Pobra foron previsores e, ante a chegada da Semana Santa, xa se reforzaron con sete e catro auxiliares, respectivamente. «Normalmente nestas datas comezan a chegar turistas ás praias ou xente que ten aquí unha segunda vivenda. Tamén están todos os actos das procesións, así que temos moito máis traballo», afirmaron desde a Policía Local rianxeira para xustificar o adianto na chegada deste persoal de apoio.

Os seus compañeiros pobrenses tamén recoñeceron que este reforzo no persoal viralles moi ben para atender todas as actividades que se celebrarán durante as xornadas festivas, ao mesmo tempo que se puideron organizar novas quendas para as noites e os fins de semanas, posto que antes era imposible.

Novas contratacións

A alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso, tamén explicou que, nestes momentos, está a tramitarse o contrato para contar cun auxiliar de Policía Local leste mesmo mes de abril, ao que se sumará outro no verán.

De feito, nos meses estivais está previsto que se incorpore o gran groso deste persoal de apoio: catro en Noia, outros tantos en Boiro e Porto do Son, tres máis na Pobra, un a maiores en Rianxo, e os catro restantes que faltan en Ribeira.

Están previstas tres xubilacións máis no que resta deste ano

Ata o momento, só Ribeira e Noia deron pasos para intentar cubrir algunhas das prazas de axentes da Policía Local que quedaron vacantes nos últimos meses. Con todo, a cifra de baixas podería seguir aumentado, porque aínda hai media ducia de xubilacións pendentes antes de final de ano.

En Rianxo está previsto que dentro duns meses colgue o uniforme o xefe da Policía Local, Antonio Tubío, que se uniría así aos seus homólogos de Ribeira e A Pobra, Pedro Fernández e Ramón Valiño, que xa decidiron dar o paso o pasado mes de xaneiro. No corpo pobrense tamén haberá outra xubilación, así como en Muros, onde tamén despediron fai poucas semanas a outro compañeiro.

As situacións máis dramáticas están en Porto do Son e Outes, xa que nestes momentos só hai un e dous axentes, respectivamente en activo, despois da marcha de tres compañeiros. Tampouco están sobrados de persoal en Carnota, onde patrullas catro efectivos.