Uns náufragos da reciclaxe

A.L.

BARBANZA

cedida

Excéntricas e Teatro do Allo estrean en Rianxo a súa primeira obra dirixida ao público infantil, «Cartoóns»

11 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Neste 2019 cúmprense 15 anos desde que iniciou a súa andaina a compaña Produccións Teatrais Excéntricas, que quixo celebrar este aniversario con moitas sorpresas. Unha delas foi contar coa colaboración de Teatro do Allo para estrear a súa primeira obra dirixida ao público infantil, unha peza que este sábado -ás 19.00 horas- presentarase no auditorio de Rianxo.

Josito Porto e Víctor Mosqueira serán os encargados de dar vida aos protagonistas de Cartoóns, un proxecto co que se quixeron tocar varios paus, desde a concienciación social sobre a necesidade de coidar o planeta, ata a solidariedade con aquelas persoas que viven nas rúas. «A idea xurdiu dun pequeno traballo que fixemos para un congreso sobre reciclaxe que houbo en Pontevedra e no que traballamos Víctor e máis eu. Alí fixemos unha pequena posta en escena que agora retomamos», lembra Porto.

Partindo do mundo do clown e os pallasos, os dous personaxes son unha especie de vagabundos que van aproveitando e reciclando todo o que atopan na rúa, demostrando que hai moitas cousas reutilizables, tanto para facer instrumentos musicais, como para realizar toda clase de divertidos xogos. «Xogamos entre nós e tamén co público, porque do que se trata é de entreter e divertir, a pesar de que o tema é serio», apunta Josito Porto.

Música en directo

Víctor Mosqueira admite que enfrontarse aos nenos sempre impón respecto, «porque é un público difícil e hai que estar atento ás pistas que van dando». De feito, aínda que a primeira representación terá lugar o sábado, esta proba de lume serviralles para ir modificando a obra, «porque unha estrea sempre é a presentación de algo que está por rematar».

Ademais de tirar do mundo dos pallasos, tamén se bota man da música en directo, e de numerosas sorpresas, como a colaboración duns invitados moi especiais: Carlos Alonso, Quico Cadaval, Kukas e Ana Triñanes.