O Silva incide na crise do Boiro

S. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

Dous erros defensivos condenaron aos de Barraña na Grela

23 mares 2019 . Actualizado ás 21:31 h.

Di o refrán que a can fraco todo son pulgas. Deste xeito transita o Boiro nestas últimas tres xornadas, nas que, se algo podía ir mal, ha ir mal. Non dubidou o Silva en aproveitarse da crise dos de Barraña, aos que noquearon por 2-0.

Aarón e Toni Insua foron nesta ocasión os verdugos dos barbanceses, que seguen instalados no penúltimo chanzo da táboa con 27 puntos a falta de que xoguen todos os seus rivais directos. A salvación, a falta dos desenlaces de hoxe, segue a 3 puntos, con outros 27 aínda por disputarse.

Non funcionou o cambio no banco dos visitantes, que buscaban darlle outro aire ao seu xogo. Mario, que entrou no 11 por Rodri, non estivo afortunado no 1-0 locais. Era o minuto 20 cando Borja cedeu o esférico ao cérbero da canteira de Vista Alegre. Sen marxe para manobrar, Aarón apertouno, rouboulle a carteira e abriu o marcador coa portería baleira.

Escasa reacción

Sen demasiada presenza na área rival, o Boiro foi incapaz de reaccionar ao 1-0 dun Silva que no seu terreo de xogo é un auténtico muro. Todo rematou por decidirse tras regresar de vestiarios. Toni Insua, no minuto 60, sentenciou o duelo co 2-0 ao aproveitar un erro nas marcas tras un saque de córner que rematou a pracer.

Anxo, cun disparo desde a frontal que desviou Damián cun bela palomita, contou coa ocasión máis clara dos barbanceses para achegarse no marcador. Lezcano, cun zapatazo que se marchou desviado, tamén o intentou, pero o gol non chegou. O Boiro segue en crise.

Ficha técnica

?Silva: Damián, Cardelle, Lorusso (Toni, min 54), Fiuza (Miguel, min 76), Charly (Mauro, min 68), Michi Leal, Souto, Aarón, Kata, Marcos Gómez e Joao Paulo  

Boiro: Mario, Ander, Carlos (Teira, min 73), Cardeñosa, Borja Outeiral, Manu, Anxo, Toño (Pablo Vidal, min 65), Lezcano, Álex Ube (Xacobe, min 46) e Anxo

Goles: 1-0, minuto 20: Aarón; 2-0, minuto 60: Toni Insua

Árbitro: Fariña Biasi. Amoestou con amarela a Michi Leal, Kata, Charly e Mauro polos locais. Álex Ube e Cardeñosa tamén viron o cartón.

Goles: Campo da Silva. Céspede artificial.