A Cruz Vermella de Boiro volve render contas

La Voz

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Recoñeceu o labor dos seus colaboradores e cifrou en 320 as persoas en situación de vulnerabilidade atendidas no 2018

24 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Cada ano, a Cruz Vermella de Boiro dedica un día a render contas. Responsables da organización a nivel local e provincial déronse cita onte na casa de cultura para facer balance do 2018. Recoñeceron o labor dos seus colaboradores e destacaron cifras como as 320 persoas en situación de vulnerabilidade ás que prestaron axuda durante o pasado ano. Delas, 112 estaban en risco extremo, polo que recibiron alimentos e produtos de hixiene.

A oenegué tamén destacou a posta en marcha dun proxecto para axudar a mulleres con dificultades, que contou cunha vintena de participantes; e a continuidade do seu servizo de procura de emprego, do que se beneficiaron 32 persoas. Ao balance engádense outras cifras como os 147 participantes nos talleres de memoria desenvolvidos durante o 2018 e os 121 que se sumaron a un programa de hábitos saudables.

Na área de infancia e mocidade, desde a Cruz Vermella fíxose mención aos 160 beneficiarios de Ludi-Educa, ao medio centenar de raparigos que recibiron apoio escolar e aos máis de mil rapaces que recibiron información a través das campañas de sensibilización de diferentes temas levadas a cabo.

Tamén traballou a organización no ámbito do medio ambiente durante o 2018 e os seus responsables quixeron onte destacar este labor. Mencionaron o centenar de nenos que se integraron na campaña Movéndonos polos ríos.

Premios aos voluntarios

Para a realización destas e outras actividades, a Cruz Vermella boirense contou coa participación de case 60 voluntarios. Eles recibiron, como sempre, o maior dos recoñecementos. A entidade premiou nesta ocasión a Gemma Dieste, Ramón Rey e Isabel Muñiz, que recibiron obsequios de mans de Mercedes Casanova, presidenta provincial; Rosa Abuín, presidenta local; e Juan José Dieste, alcalde. Tamén se enxalzou o labor da empresa Jealsa e de varias asociacións como os bombeiros de Boiro e Crusadas Boirenses.