Uns 30 colexios participan nos encontros do plan de mellora de bibliotecas

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

As xornadas celébranse no palacio de congresos de Santiago

23 mares 2019 . Actualizado ás 05:05 h.

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, inaugurou onte a xornada conxunta dos Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe), correspondente ao curso 2018-2019, onde lembrou o impulso que estes espazos supoñen para a innovación educativa. Un total de 34 centros educativos da comarca beneficiaranse desta iniciativa. O concello con máis colexios adheridos é Ribeira con sete. En Rianxo, Muros, A Pobra e Noia contan con catro cada un.

Carmen Pomar fixo fincapé na presentación das xornadas na aposta, por parte da Xunta, dun modelo de biblioteca inclusiva para que o alumnado atope a súa oportunidade de crecemento persoal e de aprendizaxe continuada para que estes espazos «respondan de xeito real ás necesidades de todo o alumnado e que enfronte os retos que a diversidade presenta».

Os encontros, que se celebran no Pazo de Congresos de Santiago, reúnen a responsables e coordinadores de bibliotecas escolares dos 679 centros educativos galegos que están integrados no Plambe. Esta iniciativa ten como obxectivo incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que persigan a dinamización deste espazo como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe.