A verdade sobre Paco

Emilio Sanmamed
Emilio Sanmamed LIJA E VELUDO

BARBANZA

21 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Vouche falar de Paco, coñécelo, si home, o que vén en vacacións. Fixo fortuna en América, dásche conta? Paco, ou Americano. Na barra do bar, tras dez escorpiones de tequila, sempre nos contaba a anécdota do ascensor. Non me digas que non che acordas.

Dicíanos que ao principio non lle foi ben. Que estaba tan arruinado que pensou en matarse. Que foi ao Empire State a saltar pola azotea. Que no piso 16 abriuse a porta do ascensor e entrou Clint Eastwood. Que Clint bañouno na súa mirada glauca e captou o mal que se sentía, por iso díxolle: «Don't do it, kid» e estreitoulle a man. «Are you ok?», preguntou o actor, «De moito nabo, señor Clint, estou de moito nabo». A partir dese momento todo cambiou, renaceu, acadou o american dream. Iso contaba…

Onte estiven coa súa exmuller nunha comida de coñecidos, na sobremesa atrevinme a preguntar: «Paco coñeceu a Clint Eastwood?». Brillaron con ira os ollos do cinto de serpes que non levaba. Dixo: «Paco paseaba por Times Square, viu un póster de Milion dollar baby e inventouse o resto. Tampouco axudou a Bowie a escribir o Ziggy stardust, nin aumentou a media nacional grazas ao seu pene. Paco é o fondo dos pozos, a cinza das cousas que amei, o desterro, vello como o mundo».

Camiño a casa, un violinista tocaba un tango, pero ninguén se paraba a escoitar. Sentín pena por Paco e a súa exmuller. A vida é así, ás veces necesitamos mentir e ás veces necesitamos que nos mintan. Foi nese instante cando me dei conta de que o que estaba tocando o violín era Clint Eastwood.