Os cazadores queren revitalizar o monte Pindo

j.m. Jamardo REDACCIÓN / LA VOZ

BARBANZA

JORGE PARRI

O colectivo realizou soltas de diversas especies co fin de recuperar a fauna despois dos incendios forestais

08 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

É unha gran mole granítica que chama a atención dos forasteiros que acoden por primeira vez a Carnota. O monte Pindo, coñecido tamén como o Olimpo Celta , é cada certo tempo pasto das chamas, e iso que apenas ten masa forestal. O colectivo de cazadores da localidade, que preside Miguel Cambeiro, cre que a zona está infrautilizada e pódeselle sacar moito máis rendemento, mesmo económico. Por parte da entidade entenden que é necesario buscar alternativas para aproveitar este importante recurso.

O monte ten unha extensión de máis de mil hectáreas, a maioría agreste. Un técnico forestal sinalou que un dos principais problemas que ten esta zona é que tan só no 8 % do terreo pódense utilizar máquinas para realizar labores de limpeza, polo que os incendios se producen con bastante frecuencia ao non poder sacar a maleza como se debería.

Tras o gran incendio do 2013, o monte volve estar moi frondoso, pois se recuperou bastante ben e, mesmo, segundo os cazadores, xa hai bastante fauna. Segundo Miguel Cambeiro, isto último tamén se debe ás repoboacións que fixeron eles nos últimos anos.

Carballo anano e toxo

A poboación animal que hai na actualidade, segundo o representante da asociación, é algo de coello e tamén xabaril. Sobre a vexetación, indicou que hai bastante, incluíndo o carballo anano e o toxo. Hai un ano que os cazadores volveron á zona porque «está recuperada».

A fauna existente no monte Pindo está aí porque «nós fixemos repoboacións. Ninguén fai nada por repoboar a zona. Todos os anos gastamos uns 4.000 euros para facer soltas de coellos. Tamén investimos unha importante cantidade en limpezas para ter acondicionada a zona onde hai algo de flora como é Chans de Lamas, un lugar pequeno no que se mantén a caza, pois no resto do monte é imposible debido á complexidade do terreo». A intención do colectivo é facer este ano campionatos de rastro de coello xa que consideran que está bastante recuperado.

Miguel Cambeiro comentou que eles fan as repoboacións para que haxa vida: «A nosa mentalidade non é botar crías para matar. Facémolo para fixar poboación porque somos os primeiros interesados en que se manteña a fauna», enfatiza.

O dirixente comentou que eles non son ben vistos no monte Pindo, pero insistiu en que «se nos deixaran xestionalo a nós, sería distinto». Neste sentido, fixo mención á posibilidade de explotar esta riqueza natural e mesmo falou de repoboar o monte con rebecos ou outras especies pois «poderíase facer diñeiro e crear riqueza». Cambeiro lembrou que hai anos había cabalos e agora «desapareceron». A intención é devolver ao Olimpo Celta «ou esplendor de outrora».