Manifestación

Alicia Fernández A CRIBA

BARBANZA

16 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A política de baixa estofa, esa que a diario practican a maioría dos políticos, cheos de barro e miserias, é a arte de dicir -ou facer- algo e despois o contrario segundo conveña aos intereses puntuais do suxeito. Pois iso é o que fixo o domingo pasado o presidente da Xunta e líder do PP en Galicia, Alberto Núñez Feijoo. E miren que quen asina non comulga coa maioría das súas ideas, pero si o consideraba bastante consecuente, honrado e responsable; que xa é dicir de alguén, tal como está o patio político. E non me vale a xustificación da disciplina de partido e que se mantivo afastado de fotos perigosas.

Un presidente que modifica a axenda da súa viaxe oficial a Estados Unidos para asistir a unha manifestación en Madrid, algo que el criticaría con saña, estou segura. El que tanto criticou aos que fan política na rúa, detrás dunha pancarta. E, cruel destino, o mesmo día que en Santiago ten lugar unha masiva manifestación -non vou entrar nunha guerra de cifras, pero está claro que proporcionalmente non houbo cor e a galega foi un éxito rotundo- porque a deriva da sanidade pública preocupa, e moito, a unha ampla maioría de galegos.

Se mo din doutros políticos aos que considero máis demagóxicos, pois non me sorprendería. Pero en Feijoo si. Unha decepción, porque nun só acto ha renegado máis que Pedro nunha noite. Por amais , non escoitou a mensaxe dos seus administrados: queren maior claridade, máis recursos e mellor xestión na sanidade galega. E iso, para o presidente de Galicia debería ser prioritario. Pero parece que non o foi nin o será.