O programa Leader impulsou con 690.000 euros seis proxectos para fixar poboación nas zonas rurais

Ribeira / a voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Cinco actuacións son de carácter privado e asociativo, e todas elas van encamiñadas a dotar de servizos e equipamentos aos municipios rurais

05 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O programa Leader, que impulsa a Consellería de Medio Rural a través de Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), segue achegando financiamento para fixar poboación nos núcleos con menos habitantes. Así o explicou onte o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, que nunha visita a Noia destacou que o ano pasado esta iniciativa repartiu máis de 690.000 euros entre seis proxectos da comarca.

Na presentación estivo acompañado polo alcalde noiés, Santiago Freire, posto que este Concello tamén conta cunha subvención importante para poder construír un albergue de peregrinos na zona da Chaínza. As outras cinco actuacións son de carácter privado e asociativo, e todas elas van encamiñadas a dotar de servizos e equipamentos aos municipios rurais.

Masas conxeladas

Rodeiro fixo estas declaracións durante a visita á empresa noiesa Dubraseda, unha firma destinada á alimentación e que grazas á axuda do programa Leader puxo en marcha un taller para a elaboración de masas conxeladas doces, ademais de adquirir unha nave xa existente.

O orzamento total ascendeu a 633.000 euros, dos que 220.000 foron subvencionados pola Consellería de Medio Rural.