«A biblioteca aumenta o peso do museo»

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

Daniel Buján, director da Biblioteca de Galicia, destaca o valor da colección de libros que verá a luz no centro de Artes

24 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Será o encargado, mañá ás 13.00 horas, de ilustrar aos asistentes sobre os contidos da biblioteca que abrirá as súas portas no Museo do Gravado de Artes polo que, para ampliar a súa información, mergullouse nos tesouros que se amosarán na sala. Xosé Daniel Buján, o director da Biblioteca de Galicia que está no Gaiás, non dubidou á hora de destacar a importancia de dita colección: «Era unha mágoa que estes volumes non estiveran accesibles, porque son de un interese enorme».

Buján engadiu que o novo servizo será un punto de encontro de investigadores, historiadores e afeccionados á arte en xeral, facendo fincapé na importancia que iso terá para as instalacións: «A biblioteca aumenta o peso do museo, pois esta colección é un referente a nivel Galicia, pero tamén en todo o territorio español».

É sobradamente coñecido o valor que teñen as estampas que engrosan os fondos do museo, parte delas exhibidas xa en diferentes ocasións, pero Daniel Buján atribuíulle o mesmo recoñecemento aos tres mil libros que mañá verán a luz: «Cando xorde a arte do gravado faino moitas veces como ilustracións dentro de volumes e aquí hai unha colección deles enorme e de gran relevancia que agora se vai poder consultar e tocar».

Taller de gravado

Ademais de inaugurarse a nova biblioteca ilustrada e unha exposición de gravados de Piranesi, mañá dará comezo o segundo taller de gravado en tres dimensións, impartido polo catedrático José Fuentes. Está confirmada a participación dunha ducia de artistas galegos, a maioría de Barbanza, pero tamén acudirán creadores chegados desde Ames, Pontevedra, Santiago e A Coruña.

Coas obras que os alumnos realicen durante o curso realizarase unha exposición itinerante que entre os meses de abril e maio se estreará no museo de Artes para viaxar despois a diferentes puntos de Galicia, así como Salamanca e Portugal. Permitirá coñecer a realidade artística do momento no que ao gravado se refire.