Manita do EFM Boiro ao Unión para seguir pelexando pola liga

S. Gómez

BARBANZA

MARCOS CREO

Melanie, a pichichi da competición coa friorenta de 30 tantos, asinou o 3-0 ao cazar un mal despexe da zaga visitante

23 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Enganchadas á pelexa polo título. Así se atopan as xogadoras dun EFM Boiro que está callando unha tempada para enmarcar. Só o Faísca, que aínda non coñece a derrota, mellora o papel das de Vista Alegre, que este pasado domingo asinaron a súa novena vitoria consecutiva goleando por 5-0 ao Unión.

A pesar do avultado do resultado, a primeira metade foi para as rianxeiras, que dominaron o esférico. Con fluidez na medular, o conxunto de Vilas acusou a súa falta de cabeiro na área rival. Iso aproveitárono as boirenses para que María Rebollido, tras un roubo no centro do campo e un pase en profundidade, estrease o marcador co 1-0.

O gol axitou ás locais, que abriron fenda no tenteador desde o punto de penalti. Alba non fallou a pena máxima para facer o 2-0. Sen máis cambios, ambos os bloques enfilaron o camiño de vestiarios. As de Parada, cunha ampla vantaxe, melloraron aínda máis despois do descanso.

A fenómena

Melanie, a pichichi da competición coa friorenta de 30 tantos, asinou o 3-0 ao cazar un mal despexe da zaga visitante. O cuarto foi obra de Marina Caramés, tras un saque de esquina que enviou á rede. Melanie volveu ver portería na recta final do duelo. Cun duro zapatazo desde a frontal, a artilleira pechou un derbi que, a pesar do 5-0, foi disputado ata o último momento.