O antídoto eterno

Estevo Silva Piñeiro SOSPEITOSO HABITUAL

BARBANZA

21 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Onte á noite aposenté os meus cuartos traseiros no sofá para contemplar uns instantes ese Sálvame da política que verten en certa cadea onde sae un personaxe, non o nomearei, que esta semana nos mostrou o patetismo ao que pode chegar parte do xornalismo patrio. Non quero nin pensar no ruborizo de miles de verdadeiros profesionais da información cando o escoitan.

Coa súa primeira frase, unha náusea quixo asomarse a min. Pretendía ver a entrevista a Errejón para ver como daba defensa á súa cainismo, pero non puiden. De pequeno comía moitos ovos fritos, agora non os podo ver diante; a primeira vez que me intoxiquei foi con licor de abelá, só amentalo maréame. Con este paxaro pásame o mesmo, é verlle a cara e apetecerme golpear a mesa. Que vai, non quero úlceras.

Mas quixo a fortuna obsequiarme un remedio sorpresa para a bilis: despois de menear o mando furiosamente acabei caendo nos brazos do soño eterno, unha película de Howard Hawks baseada na novela negra de Chandler. Ese filme de máis de 70 anos desinfectoume a ferida coa primeira frase de Humphrey e a cicatrizó coa primeira mirada desdeñosa de Lauren (oh, divos meu, Lauren Bacall).

Unha vez máis, a cultura, na forma que sexa, demóstrame que é o gran antídoto fronte á mediocridade e a chabacanería. E aínda sendo eu outro dos mortais que se deixa seducir pola vulgaridade imperante, desato agora estas liñas baixo o influxo da follia de Vivaldi. A arte non é morrerche de frio, nin unha impostura: é o noso salvavidas. Agárrense, vainos a vida niso.