Un informe técnico avala as denuncias polas deficiencias que a obra do AVE deixou en Rianxo

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O documento hase incorporado ao expediente aberto polo Defensor do Pobo a instancias dos afectados

24 ene 2019 . Actualizado ás 20:08 h.

Máis de tres anos despois da posta en servizo do viaduto sobre o Ulla do eixo atlántico de alta velocidade, as secuelas das obras para construír o icónico ponte seguen coleando. Desde o 2015, os veciños de Isorna demandan que ADIF devolva os terreos que se ocuparon para os traballos ao seu estado orixinal. Quéixanse de que as leiras outrora produtivas agora son un pedregal ermo no que só crecen retamas, e un informe técnico avala agora as súas denuncias e conclúe que as parcelas afectadas non son aptas para o uso agrícola.

No documento, elaborado por unha enxeñeira técnica industrial, advírtese de que non se dispón dun informe inicial sobre o estado das parcelas previo á súa ocupación para a execución das obras do AVE que permita realizar unha comparativa coa situación actual, pero si se dispón doutras fontes de información xeográfica que permiten concluír que durante o desenvolvemento dos traballos de produciu «unha importante degradación» da cobertura do terreo. Antes de que comezase a actuación, as leiras afectadas estaban clasificadas como terreo agrícola e unha parte como forestal, con todo, neste momento a zona de estudo está formada principalmente por matogueiras e «o estado actual das parcelas non é apto para uso agrícola». Do informe tamén se desprende que esta situación non é irreversible, posto que se sinala que cunha intervención sobre os terreos estes poderían volver utilizarse para o cultivo.

Defensor do Pobo

Os veciños de Isorna cuxas propiedades se viron afectadas as obras de construción do viaduto elevaron este asunto ao Defensor do Pobo, que admitiu a trámite a súa queixa e iniciou a correspondente investigación. O informe técnico enmárcase neste expediente, e foi remitido ao organismo estatal a instancias do Concello de Rianxo.

Neste sentido, o alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños, manifestou que o documento ten como obxectivo dar un respaldo técnico ao que sempre mantiveron tanto os propietarios dos terreos como o propio Concello: «Dende o primeiro momento reclamouse a ADIF que aquilo non estaba ben e este informe pretende avalar a queixa dos veciños porque entendemos que teñen razón». Ademais, o rexedor considera que este é un bo momento para expor outra vez esta demanda posto que na zona van a afectuarse novos traballos para instalar a infraestrutura necesaria para levar a cabo o mantemento da ponte sobre o Ulla.

Doutra banda, vaise ha solicitar unha entrevista coa Subdelegación do Goberno en Galicia para trasladar o malestar existente con este asunto e o estudo técnico realizado, que tamén se remitirá a ADIF.