A Deputación inviste 6,5 millóns en áreas deportivas

A Coruña / a voz A Coruña / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O Plan Único financia unha ducia de actuacións na comarca

11 ene 2019 . Actualizado ás 16:23 h.

A Deputación Provincial destina 6.571.770 euros para executar 51 obras de construción ou renovación de áreas para practicar deporte en 35 municipios coruñeses, dentro do Plan Único (POS+). Máis dun terzo dos concellos da provincia optaron por concorrer a estas axudas. Desde a entidade provincial remárcase que a esta cifra hai que sumar outros 772.431 euros que os concellos achegan para completar algúns destes contratos, que en conxunto chegan aos 7,3 millóns.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, apuntou que o elevado número de actuacións neste campo «amosa que hai un interese por parte dos concellos coruñeses para mellorar as súas infraestruturas deportivas. Unha necesidade que a Deputación está contribuíndo a satisfacer cun programa coma o Plan Único, que se adapta ás súas necesidades e que lles permite decidir en que investir os fondos provinciais».

Así mesmo, considerou que «ademais de contribuír a mellorar as infraestruturas deportivas municipais, a Deputación leva a cabo unha importante labor de promoción do deporte na provincia en todos os seus ámbitos, dende o de base aos grandes eventos deportivos», destinando para este fin preto dun millón de euros anuais que facilitan a contratación de técnicos deportivos nos concellos, impulsando programas que subvencionan a actividade de numerosos clubs coruñeses de diferentes disciplinas e categorías ou creando bolsas que permiten aos deportistas da provincia participar en competicións nacionais ou internacionais. Desde a Deputación destácase que no período 2017-2019 o POS+ achegou 243 millóns para 1.146 obras de mellora de infraestruturas en todos os concellos da provincia, nas que ademais das 51 relacionadas co deporte, hai proxectos de humanización e recuperación de rúas e espazos públicos, creación de xardíns e zonas verdes, rehabilitacións de locais sociais, construción de parques infantís, obras de pavimentación, saneamento e abastecemento de auga en núcleos rurais ou instalación sistemas de iluminación pública.

Na comarca barbancesa son unha ducia os proxectos que se financiarán con cargo ao Plan único en seis municipios. O investimento provincial previsto nestas actuacións achégase aos 800.000 euros.

INVESTIMENTOS NA COMARCA

Concello Euros

Muros

Melloras en vestiarios e accesos ao campo Eleuterio Balayo 104.997

Pavimentación pista polideportiva de Miraflores 45.844

Conservación estruturas en instalacións de Louro e Esteiro 112.540

Outes

Reforma vestiarios do campo de fútbol de Outes 70.149

Sala de actividades da piscina municipal de Outes 90.499

A Pobra

Módulo cuberto de atletismo no estadio da Alta 130.997

Rianxo

Vestiarios do campo de fútbol da Lomba 103.997

Ribeira

Pavimentación campos de fútbol de Aguiño e Carreira 47.441

Peche do campo de Oleiros, impermeabilización do polideportivo de Artes e pintado da pista de atletismo da Fieiteira 30.225

Mazaricos

Mellora de equipamentos con uso deportivo en Pino de Val 56.156