Ana Blanco Gómez: «O feminismo na obra de Rosalía de Castro é explícito»

CONCHA ALLUT

BARBANZA

ABRALDES

Rise ao admitir que, con 87 anos, escribir é a súa materia pendente

14 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Ana Blanco Gómez, toda unha muller, comprometida co seu tempo, tanto humana coma culturalmente. Se hai unha palabra que a define, esta é o profundo compromiso coa figura e a obra da padronesa Rosalía de Castro, o seu Norte e a súa paixón.

-A Fundación entregoulle a Rosa de Galicia como recoñecemento a 42 anos de traxectoria na defensa da cultura galega e da divulgación da obra de Rosalía. Considérase unha «axitadora cultural» da obra e vida da poeta?

-Gústame o termo «axitadora» referido precisamente á cultura e moi especialmente á figura de Rosalía porque a miña postura é máis ben crítica, teño tendencia a cuestionar palabras, situacións, actos, sempre construtivamente.

?Dedícalle moitas horas á poesía. Na soedade de lectora trasladarase a todos os mundos posibles que o autor/a propón. A que mundos a transporta Rosalía, Ana Romaní, Antón Avilés...?

-Cítame tres nomes que admiro moito; como lectora considero a Avilés un dos mellores poetas de todos os tempos. Respecto de Rosalía, vivo e sinto con intensidade o seu pesimismo romántico, o feminismo explícito e a negra sombra da que tan pouco escoitei falar aos especialistas estudosos da súa obra, así como da súa «dimisión» da lingua, da amargura que lle regalaron os seus paisanos nuns duros momentos. Recorro moito a ela cando teño que utilizar a ironía, recurso estilístico que ela cultivou para defenderse ou para ridiculizar feitos, actitudes. De Ana Romaní non debo pronunciarme, o parentesco quizais me impediría ser obxectiva.

?Desde moi nova, no seu labor de mestra, amosa gran responsabilidade ao adquirir o compromiso de educar e formar os nenos e nenas. Como era a escola daquela?

-Tan nova, que tiña (por mor dunha lei do ano 1942) 15 anos cando rematei a carreira. O espazo do que dispoño non me permite desenvolver este tema. Dicir ao respecto que tiña unha matrícula de 85 nenos e nenas, que apenas había libros, e que a moitos rapaces os bancos facíanlles de pupitres.

?Había tempo de inculcar o amor á poesía?

-A posibilidade toda! O tempo facíase e disfrutaban facendo sonetos ou tercetos anque a temática fose de fútbol.

?Considérase unha «obreira da cultura». Ofrece recitais poéticos, organiza tertulias literarias, charlas nos colexios… Tentou algunha vez escribir?

-Ríome ao ter que recoñecer que, con 87 anos, escribir é a miña materia pendente. Intentábao mais as miñas ideas, as miñas palabras, ían máis rápidas ca as miñas mans.

?É unha muller do seu tempo e, como tal, considérase feminista. Lendo o limiar de La hija del mar podemos ver a escritora como unha precursora do feminismo?

-O feminismo na obra de Rosalía é explícito. Eu diría, sen ser unha experta, que tamén o é na súa vida persoal: a enfermidade, as penurias económicas, a perda dos fillos, as longas ausencias do marido... Non é só a «negra sombra» que a acompañou ao longo da súa curta vida.

?Agustín Sixto Seco, Antón Avilés... forman parte esencial da súa vida cultural. Que momentos vividos entrañables lembra?

-Sixto Seco representa o meu encontro real con Rosalía a través da Fundación que presidía, e da que meu marido era tesoureiro. Alí empecei timidamente a colaborar, sentindo sobre min as miradas un tanto sorprendidas, desconfiadas daqueles persoeiros da intelectualidade que vían como aquela intrusa se metía non seus recintos sagrados. Sixto xamais me fixo sentirme estraña. E de Avilés, transmitir a miña grande admiración, que deixou en min un pouso de ausencia, de tristura e remordemento por non ter colaborado máis con el ao final, na súa vida política. Quédanme del as longas e enriquecedoras conversas, o seu verbo fácil, o humor e a tenrura.

?Rosalía, antes de morrer, pediulle á súa filla que abrise a fiestra para ver o mar. Espido Freire entende ese mar como «o río que os paisanos chamaban, cunha mestura de esaxeración e retranca, o mar»; para Marina Mayoral refírese ao mar da calma que daba a morte. Cal é a súa interpretación?

-Para min é como unha inmensidade, algo que non abarco. Un «non poido máis» non aplicado á morte.

?Ana é unha muller polifacética. Que lle gustaría facer que aínda non fixo?

-Teño a sensación de que tamén eu xa «quero ve-lo mar» e non precisamente o que vexo desde a miña ventá, na Ornanda.

?Nai de artistas. Ana Romaní, periodista e poeta, e Rodrigo Romaní, músico, son os seus fillos. A pregunta é obrigada: había na súa familia ou na de José, o seu marido, músicos ou poetas? De onde vén esa herdanza artística?

-Esta é a pregunta que máis me gusta e que agradezo. É o momento de falar do meu pai, Amador, o home que non puido ver o seu neto Rodrigo facer o que a el lle gustaría: música. O home que, sen aprender música, mercaba de cando en vez, quizais nalgunha feira, un acordeón, unha guitarra, unha frauta traveseira... e aos poucos días dominaba o instrumento. O home que se empeñou en que a súa filla Rocío rematase os estudos de violín, piano, composición. O home que cando agonizaba miraba a foto da mesiña de noite e dicía: «Ai, meu netiño, cantos proxectos tiña para ti!» O neto soubo responderlle. A neta, Ana, tamén, porque o avó escribía moi ben.