Angustiosa noite tráxica do Casón

La Voz

BARBANZA

CEDIDA.

Noia converteuse en refuxio de máis dun milleiro de veciños de Fisterra desaloxados das súas casas

09 dic 2019 . Actualizado ás 21:57 h.

O tráxico suceso ocorreu a 20 millas mariñas de Corrubedo, pero o naufraxio do Casón tocou de cheo aos barbanceses, que viviron con especial angustia aquel 11 de decembro de 1987, que foi cando se incendiou a carga do navío -1.100 toneladas de produtos químicos inflamables, tóxicos e corrosivos- e entrou en contacto coa auga. Autoridades locais e equipos de urxencias estiveron en alerta toda a xornada e moitos veciños seguiron as noticias nas cafeterías. O impacto foi especial en Noia, onde os centros educativos e a Casa do Mar convertéronse en refuxios para os residentes en Fisterra que foran desaloxados dos seus fogares. Foron máis de mil as persoas que chegaron aquel día á vila barbancesa.

A xornada tamén se viviu cunha angustia especial en Corrubedo, pois se chegou a especular que un cambio na dirección do vento puidese arrastrar ata o litoral ribeirense a nube tóxica que se creou sobre o lugar do sinistro.

Foron moitas as voces que se alzaron en Barbanza pedindo medidas para evitar sucesos similares.