Daniel Esperante: Un rianxeiro saído de «The Big Bang Theory»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

O científico colabora co CERN no desenvolvemento de tecnoloxías de aceleradores para a súa aplicación médica

02 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Pode soar frívolo vincular a un destacado científico no seu campo como o rianxeiro Daniel Esperante Pereira á famosa serie de televisión The Big Bang Theory, pero esa relación non é necesariamente algo negativo. De feito, o propio Esperante recoñece o papel que xogaron Sheldon e compaña nun aspecto tan relevante como a divulgación: «Somos varios os que pensamos que a serie está axudando a promover os estudos científicos entre os mozos, contribuíu un pouco a normalizar titulacións que antes se consideraban como raras». Cando se lle pregunta sobre a verosimilitud do que se ve na pantalla, cre que algo si hai, e engade entre risos: «Coñezo xente que se parece bastante aos personaxes da serie».

Cando toca pórse serio para falar do traballo ao que se dedica na actualidade, calquera profano na materia comprende que as complexas tecnoloxías que realizan no laboratorio os protagonistas da ficción televisiva non son nada comparadas coas que existen na realidade. Daniel Esperante é o responsable de desenvolvemento dun proxecto que leva a cabo no Instituto de Física Corpuscular de Valencia en colaboración coa Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN). Simplificando o obxecto da proposta, o que fan é traballar en tecnoloxías de aceleradores lineais máis compactos para a súa aplicación en hadronterapia, unha técnica para tratar o cancro con partículas pesadas. É un tratamento máis efectivo que a radioterapia convencional, pero utiliza unha maquinaria máis complexa e dun gran tamaño: «O obxectivo é mellorar esta tecnoloxía para facer aceleradores máis compactos que poidan empregarse nos hospitais».

O proxecto ten pensado a longo prazo e, despois de tres anos traballando -comezaron no 2015-, agardan poder sacar os primeiros resultados científicos no 2019. Polo momento, son só experimentos, pero confían en que «dentro duns anos a industria utilice esta tecnoloxía».

Viaxe de ida e volta

Antes de chegar a este punto, Daniel Esperante realizou varias viaxes de ida e volta ao CERN, o maior laboratorio de investigación de física de partículas do mundo. A súa primeira parada na organización iniciouse durante o seu doutoramento na Facultade de Física de Santiago. Durante uns sete anos traballou no experimento LHCb, centrado no estudo da materia e a antimateria no universo. No 2011 chegou ao Instituto de Física Corpuscular de Valencia, onde deu o salto ao campo dos aceleradores, para regresar logo ao CERN.

Foi nesta segunda etapa en Suíza cando xurdiu a idea do proxecto no que está a traballar e regresou a terras valencianas para pór en marcha un laboratorio de investigación en tecnoloxías de alto gradiente para acelerar partículas. O CERN colabora no proxecto, algo que para Esperante é fundamental porque «traballar cos mellores do mundo é importante para facer as cousas ben e para sacar adiante novos proxectos»; a iso sumouse a lombeirada que recibiu o rianxeiro ao obter unha das bolsas europeas Marie Curie, das máis prestixiosas a nivel internacional.

Con todo, con isto non é suficiente para desenvolver un proxecto destas características, así que ademais da colaboración da Universitat de Valencia, faise imprescindible buscar financiamento mediante colaboradores nacionais e internacionais e a través de axudas europeas. Con respecto á situación do ámbito científico en España teno claro: «O financiamento en ciencia está por debaixo do que debería, está na metade do que debería ter en comparación con outros países desenvolvidos».

Fonte de riqueza

Para Daniel Esperante a divulgación, xa sexa a través dos medios de comunicación ou mesmo da televisión, é imprescindible. Tamén nos centros educativos, por iso hai uns días volveu ao seu instituto de Rianxo para falarlle aos mozos sobre o seu traballo: «É importante que se dea a coñecer o traballo científico que se está a facer porque é o que move a economía. A ciencia require moito esforzo e constancia, pero é o camiño para xerar riqueza no país».