O ruído dun barco mantén en vela a veciños da Pobra

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

Quen traballan nas inmediacións da zona portuaria apuntan a que os mercantes que arriban á vila pobrense fan ruído porque os seus motores auxiliares funcionan as 24 horas

20 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Noites de insomnio forzado é o que viven nos últimos días os veciños dunha parte da vila pobrense a conta dun barco que lles mantén en vela polo incesante ruído que emite e que, no silencio da noite, faise aínda máis intenso: «É coma se estivese aterrando un helicóptero», queixábase un residente, que asegura que o molesto son que provén do buque percíbese a cen metros de distancia do porto.

Quen traballan nas inmediacións da zona portuaria apuntan a que os mercantes que arriban á vila pobrense fan ruído porque os seus motores auxiliares funcionan as 24 horas, aínda que durante o día a situación é levadía. O maior problema, apuntan veciños da zona da Covecha, é polas noites: «Aínda que teñas a casa insonorizada óese igual».

Ao parecer, o buque en cuestión, un frigorífico que descargou atún na Pobra, partiu do peirao o pasado xoves, pero unha avaría fixo que tivese que regresar o domingo ao porto pobrense e «o medo que teñen os veciños é que non o dean reparado e o barco quede aquí tres meses con ese ruído».

Hai xa unhas semanas que o cargueiro arribou á dársena e a situación é tal que na localidade xa lle puxeron mote e chámanlle o Demo: «É que non se pode durmir».